Aberta a matrícula para o curso da UNED que habilita para ser mediador civil, familiar e comunitario

Pontevedra
04 de maio 2025
Actualizado: 9:56

Desenvolverase de 15 de maio ao 30 de xuño cunha duración de 300 horas lectivas estruturadas en parte teórica, práctica e traballo final. Impártese online e costa 305 euros por alumno

Centro da UNED en Pontevedra
Centro da UNED en Pontevedra / UNED

As persoas interesadas en realizar o curso habilitante para exercer a Mediación Civil, Familiar e Comunitaria xa poden matricularse para facelo na UNED.

O centro asociado da UNED en Pontevedra mantén aberta a matrícula para a oitava edición do seu curso, que se impartirá online, en directo ou en diferido sen necesidade de acudir ao centro.

O curso impartirase do 15 de maio ao 30 de xuño, con 300 horas lectivas, e terá un custo por alumno de 305 euros.

Este curso está validado como formación específica e necesaria para o cumprimento dos requisitos que garanten o acceso ao Rexistro de Mediadores Estatal do Ministerio de Xustiza, no Rexistro de Galicia, Comunitat Valenciana, Andalucía ou Aragón.

Tambén inclúe a posibilidade de acceder ás especializacións de Mediación Civil, Mediación Familiar, Mercantil, Educativa, Deportiva e Mediación Xeral.

O curso estará dirixido por Belén Romero Sáez, profesora-titora de UNED Pontevedra, avogada especialista en Dereito Civil, de Familia, Administrativo e Penal.

A coordinación correrá a cargo de Rafael Cotelo Pazos, responsable de Extensión Universitaria e Actividades Culturais da UNED en Pontevedra, e sera relatora o pedagogo colexiado e mediador acreditado Javier Mingorance.

A formación está orientada a profesionais xuristas, sociólogos, educadores, criminólogos, pedagogos, integradores sociais, psicólogos, procuradores, traballadores sociais, policías locais, mediadores comunitarios, e en xeral, a calquera persoa interesada, sempre que teña titulación universitaria ou título de FP superior ou se atope no último curso con perspectiva de finalizar a carreira neste ano académico.

O principal obxectivo da formación é a de habilitar ao alumnado para poder exercer profesionalmente a mediación en España dentro do marco legal que establece a Lei 5/2012.