Abraldes demanda á Xunta melloras urxentes na seguridade da PO-531

Barro
29 de setembro 2015

Mentres non se execute o proxecto de mellora da estrada PO-531 entre Pontevedra e Vilagarcía, comprometida pola Xunta de Galicia desde hai anos, o Concello de Barro cre "urxente" acometer unha serie de actuacións para solucionar os problemas de seguridade que existen nela ao seu paso polo municipio

Xosé Manuel Abraldes, alcalde de Barro co Delegado da Xunta Xunta de Galicia

Mentres non se execute o proxecto de mellora da estrada PO-531 entre Pontevedra e Vilagarcía, comprometida pola Xunta de Galicia desde hai anos, o Concello de Barro cre "urxente" acometer unha serie de actuacións para solucionar os problemas de seguridade que existen nela ao seu paso polo municipio.

Así llo trasladou o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, ao xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, na xuntanza que ambos mantiveron este martes.

En liñas xerais, o alcalde pediu solucionar a falta de iluminación do macro nó de Curro, a inseguridade para o tránsito de peóns entre Curro e Meis, a perigosidade que supoñen as medianas provisionais de plástico, os problemas de seguridade que hai na rotonda pequena ao carón da igrexa de Curro ou a necesidade de construción das rotondas previstas no proxecto de mellora no cruce de Bretoña e no acceso ao polígono de Sequeiros.

Ademais, Fernández Abraldes destacou a urxencia que existe para construción do paso soterrado en Bretoña, unha actuación que o alcalde ve con "preocupación", xa que sinala que non está previsto realizar ningunha actuación a curto prazo, "a pesar dos anuncios feitos tanto pola consellería como polo anterior goberno municipal".

Todas esta actuacións serán demandadas na entrevista que o alcalde de Barro solicitará coa propia conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez.