Abre a oficina Supera20 para informar sobre as axudas a autónomos e micropemes afectados pola Covid

Pontevedra
01 de outubro 2020

O alcalde e a concelleira Anabel Gulías visitaron este xoves o primeiro día de funcionamento da instalación municipal. Atende por cita previa chamando aos teléfonos habilitados para dar información

Fernández Lores e Anabel Gulías visitan as oficinas de Supera20
Fernández Lores e Anabel Gulías visitan as oficinas de Supera20 / Mónica Patxot

Este xoves abriu a oficina municipal Supera20 na rúa Dona Tareixa para informar e asesorar sobre a liña de axudas municipais a autónomos e micropemes que puxo en marcha o Concello de Pontevedra. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Réxime Interior, encargada da xestión das axudas, Anabel Gulías visitaron estas novas instalacións que estarán abertas á atención ao público até o vindeiro 14 de outubro, incluído.

O alcalde destacou que "estou satisfeito e contento porque este é un proxecto para axudar a superar unha situación moi fastidiada dende o punto de vista socioeconómico, sobre todo, polos sectores afectados polo Estado de alarma".

Explicou que "é un proxecto pioneiro e exemplar con estas características de enfoque serio e de futuro: garantir a viabilidade de proxectos que o están pasando mal neste momento".

Fernández Lores lembrou que no caso de existir moita demanda podería ampliarse a contía ou facer unha nova convocatoria das axudas Supera20.

Pola súa banda, a concelleira Anabel Gulías explicou que a oficina atenderá dende este xoves mesmo e até o vindeiro 14 de outubro con cita previa (respectando o protocolo da Covid) para facilitar e dar información o máis rápido posible a todas as persoas que poidan obter unha subvención ao abeiro da convocatoria.

Son moitas as persoas que chaman interesándose polas axudas e pedindo información. Os teléfonos son: 618 385 048 e 681 264 835.

A partir do luns comezarase con citas presenciais, en quendas dobres, para atender ao maior número de persoas no menor número de tempo.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora