A Xunta de Goberno Local aprobou esta semana unha nova edición das Axudas Municipais ao Estudo, cunha dotación de 68.000 euros dirixida a universitarios, estudantes de Formación Profesional e da UNED.
Ademais, a concellería de Educación reservou outros 18.000 euros para atender as persoas que quedaron fóra da convocatoria anterior pese a cumprir cos criterios.
Estas axudas serán publicadas nos próximos días no Boletín Oficial da Provincia, e poderán solicitarse a partir da semana que vén a través da Sede Electrónica municipal.
A popularidade desta convocatoria quedou patente o ano pasado cun total de arredor de 250 solicitudes, o que provocou que algunhas persoas quedasen excluídas ao esgotarse o orzamento inicial, segundo indican desde o Concello de Vilagarcía.
Para resolver esta situación, a concellería decidiu incrementar o gasto e atender a todos os solicitantes que cumprían os requisitos, procedemento que se resolverá agora paralelamente á nova convocatoria.
Desde a súa posta en marcha en 2016, esta subvención beneficiou a un total de 1.125 familias vilagarcianas, consolidándose como unha das axudas municipais máis demandadas.
REQUISITOS
A axuda establece importes diferenciados segundo o tipo de estudos: un máximo de 425 euros para estudantes universitarios e 225 euros para ciclos superiores de FP e UNED.
Os requisitos para acceder á subvención inclúen ser cidadán español, ter fixada a residencia en Vilagarcía, ter estado matriculado no curso 2024-25 (quedando excluídos os estudos online), ter cursado un mínimo de catro materias anuais ou trinta créditos, ademais de cumprir cos baremos de renda establecidos.
As persoas interesadas deberán presentar a solicitude por Sede Electrónica, incluíndo a documentación recollida nas bases que estarán dispoñibles na web do Concello. Entre os documentos requiridos figuran o Libro de Familia, xustificante do gasto de aluguer e Documento Nacional de Identidade.