Ábrese o desdobramento da Avenida de Vigo ao tráfico sen incidencias

Pontevedra
24 de xuño 2015

A apertura é provisional mentres se executan os traballos da reforma da Avenida de Vigo co peche dun dos carrís ao tráfico. Os operarios continúan realizando obras nas beirarrúas da zona
 

Apertura do vial de desdobramento da Avenida de Vigo

Os vehículos xa percorren o novo vial que desdobra a avenida de Vigo. Esta mañá abriuse ao tráfico con carácter provisional para poder continuar cos traballos de reurbanización da avenida de Vigo, dado que implica o peche dun dos carrís da rúa que, dende este mércores 24, queda reducida a un só carril de tráfico de saída da cidade.

A apertura producíase con total normalidade e, segundo a información facilitada polo concello de Pontevedra, non se rexistrou ningunha incidencia para o tráfico en toda esta zona. Este traballo completouse coa apertura parcial do estacionamento gratuíto próximo ao Instituo Torrente Ballester onde está pendente a colocación dun valado para delimitar a parcela que está previsto que se instale durante estos días.

Ao mesmo tempo iniciáronse os traballos na avenida de Vigo e continúan a bo ritmo na senda peonil dos Gafos. A última parte da obra será o cruzamento das rúas Fernández Ladreda, coa avenida de Vigo e a avenida da Estación.

A previsión das obras é poder telas rematadas antes do inicio do vindeiro curso escolar.