Aproveitando que o inverno é a época do ano de menor afluencia de visitantes ao parque da Barosa, o goberno municipal de Barro quere que as obras para renovar os seus accesos desde a estrada N-550 poidan comezar "canto antes".
Os traballos, que acaban de ser adxudicados á empresa Construcciones Vale, contan cun orzamento total de 432.000 euros, dos cales o 85% será financiado a través do Plan Extra da Deputación de Pontevedra.
O 15% restante será achegado polo Concello con cargo á parte que lle corresponde do Plan +Provincia, garantindo así a execución íntegra esta actuación clave para "dignificar e ordenar" un dos espazos máis visitados do municipio.
A actuación, segundo destaca o executivo que dirixe Xosé Manuel Fernández Abraldes, suporá unha "mellora profunda" dun ámbito que recibe milleiros de visitantes e peregrinos.
A intervención abrangue preto de 500 metros de vial, onde haberá unha transformación completa coa creación dunha senda peonil segura que conectará as fervenzas co Camiño de Santiago.

Ademais, abordarase a mellora e reordenación dos espazos de aparcamento -incluíndo prazas adaptadas para persoas con mobilidade reducida-, novas medidas de seguridade viaria, a renovación integral do alumeado público e a mellora do firme en todo o trazado.
O alcalde de Barro subliñou que a adxudicación destas obras é un "paso decisivo" para renovar os accesos un enclave natural e patrimonial "de enorme valor para o noso municipio".
"Estes traballos permitirán mellorar a seguridade, crear accesos máis cómodos e avanzar nun modelo de mobilidade máis ordenado e sostible", sentenciou Fernández Abraldes.
O parque da Barosa é, recordan desde o Concello, o "principal polo turístico" de Barro e un punto "estratéxico" no último tramo do Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio.
Así, agardan que esta actuación supoña un "avance significativo" na mellora da seguridade e da convivencia entre vehículos, camiñantes e peregrinos e contribúa a preservar e poñer en valor este enclave natural de referencia.