Acordo para o peche de Tafisa despois de 22 horas de xuntanza

Pontevedra
27 de xuño 2014

Os traballadores recibirán indemnizacións de 39 días por ano traballado e 21 mensualidades, ademais de xubilacións a partir dos 61 anos e indemnizacións melloradas para os empregados que superan os 56 anos. O presidente do comité de empresa considera fundamental o labor da mediadora para chegar a este acordo

Factoría de Tafisa en Ponte Caldelas PontevedraViva

A fábrica de Tafisa en Ponte Caldelas pecha, pero faino con condicións que os traballadores consideran positivas ao ter mellorado nun 150% o acordo que o grupo Sonae alcanzara co equipo da fábrica de Solsona a finais de 2012.

A última reunión durou 22 horas case continuadas de tensas negociacións entre os representantes sindicais e a dirección coa presenza dunha mediadora da Xunta de Galicia. A primeiras horas da mañá deste xoves, tras manterse reunido toda a noite, chegouse a un preacordo no que se establece unha indemnización de 39 días por ano traballado e 21 mensualidades para o equipo de 60 traballadores. Os empregados de máis de 56 anos contan tamén cunhas achegas económicas especiais ante as dificultades que a empresa entende que terían para encontrar emprego. Tamén se compensa por parte da empresa os días de prestación gastados durante o ERE. Ademais, o Grupo Sonae mantén a posibilidade de que se leve a cabo o traslado de 21 operarios a outras factorías. Este preacordo foi apoiado pola asemblea de traballadores ás 8.30 horas da mañá deste venres 27.

José Manuel Moledo, presidente do comité de empresa de Tafisa, sinalaba que "dentro do malo, é unha saída digna para todos os traballadores. Fíxose todo o que estaba nas nosas mans para que isto non fose así, pero ao final foi. Temos a conciencia tranquila porque, polo menos, os traballadores saen nunha situación máis protexida". A intención inicial dos representantes sindicais era que a fábrica se mantivese activa.

O representante dos traballadores tamén destaca a importancia que na negociación tivo a mediadora da Xunta de Galicia: "estivo ás 22 horas connosco, con momentos moi tensos. Se non chega a estar, teriamonos levantado da mesa algunha das partes".

Con este acordo entre a parte social e a empresa, a fábrica de Tafisa chega á súa fin dez anos despois de ser trasladada de beiras do Lérez ao polígono da Reigosa en Ponte Caldelas.