A Xunta de Galicia activou para este venres 21 de febreiro a alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Pontevedra.
Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior informou a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia da situación aos concellos afectados, deputacións, servizos provinciais, agrupacións de voluntarios de Protección Civil e clubs náuticos.
Como medida de seguridade, a Secretaría Xeral para o Deporte suspendeu todas as actividades deportivas federadas no mar nos concellos das provincias afectadas.
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) prevé que o temporal se active a partir da noite deste xoves no noroeste e oeste da Coruña, estendéndose pola mañá do venres ao suroeste da provincia e ao litoral pontevedrés.
Agárdanse ventos do sur ou suroeste de ata forza 9 e ondas que poderán acadar os seis metros de altitude.
Na Mariña lucense activarase o aviso amarelo.
Recoméndase, desde os servizos de Emerxencias, incrementar as precaucións, manterse afastado da liña de costa e evitar zonas de risco como diques, rompentes e paseos marítimos.
A Xunta aconsella revisar os amarres das embarcacións, retirar obxectos que poidan desprenderse desde balcóns e fiestras, e evitar o paso por edificios en mal estado, árbores ou elementos susceptibles de desprazarse polo vento.
Para obter información actualizada sobre a evolución do temporal, pídese consultar a páxina web do CIAE 112, que ofrece datos meteorolóxicos e ligazóns de interese.