ADEAC felicita a Sanxenxo pola limpeza dos areais con bandeira azul

Sanxenxo
19 de agosto 2020

Un informe da asociación emitido o pasado 12 de agosto, tras unha inspección nos 17 areais con bandeira azul, destaca a hixiene nos baños 

Praia de Silgar coas áreas parceladas
Praia de Silgar coas áreas parceladas / Cristina Saiz

A limpeza das praias e a figura dos informadores foron dous aspectos que a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) quixo recoñecer a Sanxenxo.

A asociación felicitou ao municipio pontevedrés nun informe emitido o pasado 12 de agosto tras inspeccionar os seus 17 areais con bandeira azul.

No mesmo documento requírese ao Concello que inclúa no mapa de servizos da praia a localización dos contedores de recollida selectiva e un panel de información sobre as actividades de educación ambiental ou a web onde se poden consultar.

Durante esta campaña estival, marcada pola pandemia de Covid-19, Sanxenxo dotou ás praias con bandeira azul de 52 informadores, poñendo ademais especial atención na limpeza cada hora e media dos baños públicos.

"Destaca a limpeza dos servizos hixiénicos e os propios WC das praias. Tamén a presenza de persoal específico que asesora aos usuarios da praia no tema do  Covid 19 e outros temas relacionados, así como o persoal que recolle plásticos pola zona", sinala o informe de ADEAC.

O responsable da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor que acudiu a Sanxenxo cualificou como positiva outra medida, a de retirar as papeleiras dos areais, unha medida que segundo o goberno local manterase no tempo ante a resposta cívica observada nos bañistas.