ADEGA e a PDRA inician os trámites para levar ao xulgado o proxecto de Altri en Galicia

Pontevedra
16 de maio 2025
Actualizado: 14:52

As administracións sinalan que existen "irregularidades na tramitación do proxecto" e que a instalación "carece dos premisos necesarios" para realizarse

Rolda de prensa da ADEGA e a PDRA Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza

A ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) e a PDRA (Plataforma en Defensa da Ría de Arousa) iniciaron unha serie de accións legais conxuntas para evitar a construción do proxecto de macrocelulosa de Altri-Greenfiber na comarca lucense da Ulloa.

Ambas as administracións sinalan que os trámites administrativos non están finalizados e a instalación "carece nestes momentos dos permisos necesarios" por parte da Autorización Ambiental Integrada, Concesión de Augas e a aprobación do Consello da Xunta.

É por iso que, segundo adiantaron, "as irregularidades na tramitación do proxecto" e, particularmente na concesión de augas, danlles pé a acudir "xa" á vía xudicial.

A elixida é a presentación dun recurso de Alzada, condición previa ao contencioso xudicial, polo silencio administrativo de Augas de Galicia á solicitude de arquivo do expediente de concesión de augas procedentes do río Ulla con destino a uso industrial, solicitada por Greenfiber S.L.

Indican que na tramitación da concesión de augas solicitada por Altri (46.000 m3/día), o Regulamento do Dominio Público Hidráulico fixa un prazo máximo de 18 meses para resolver e, en caso de non facelo, a solicitude entenderase desestimada.

O procedemento comezou co inicio do trámite de competencia nun momento igual ou anterior ao 30 de novembro de 2022, polo que o prazo para resolvelo finalizaría o día 30 de maio de 2024, 18 meses despois da data da primeira publicación no BOE.

Consecuentemente, ADEGA e a PDRA solicitaron o pasado mes de febreiro á Directora de Augas de Galicia que declarase de caducidade o procedemento, e lamentan que, a día de hoxe e máis de tres meses despois, non recibiron resolución expresa.

Neste sentido, din que a petición quedou desestimada por silencio administrativo, polo que recorrerán a Alzada e, fronte a un eventual novo silencio ou desestimación, realizarán unha demanda pola vía contencioso-administrativa.

Por último, as administracións agradecen á campaña de recadación solidaria 'Xustiza para o Ulla', que alcanzou en apenas 20 días os 39.000 euros necesarios para sufragar as primeiras accións xurídicas contra Altri.