A lei antitabaco será máis dura. A nova normativa que aprobou o Goberno reducirá os espazos públicos nos que se poderá fumar e, ademais, equiparará os cigarros electrónicos e os vapeadores ao tabaco convencional.
Esta lei, que iniciará a partir de agora a súa tramitación parlamentaria, reformará a normativa vixente, que data de 2005, para adaptar a lexislación aos novos produtos relacionados co tabaco e reforzar a protección da infancia e a adolescencia.
Así o subliñou a ministra de Sanidade, Mónica García, que indicou que esta norma busca avanzar cara a unha xeración "libre de tabaco" e pechar "algunhas lagoas legais" que existen actualmente sobre o resto dos produtos.
A futura lei igualará a lexislación para o tabaco convencional e os novos produtos como o cigarro electrónico, as bolsitas de nicotina, produtos a base de herbas como 'shishas' e calquera dispositivo que imite ou se asocie ao acto de fumar.
Entre as novidades, a norma prohibe o consumo de tabaco e outros produtos a menores de idade, non só a súa venda ou subministración, e prevé sancións ás que terán que facer fronte os seus proxenitores, que serán a partir de 200 euros por infracción leve.
Estas sancións poderán ser substituídas por traballos á comunidade.
TERRAZAS, PRAIAS OU CONCERTOS, ESPAZOS SEN FUME
Cando se aprobe esta reforma, non se poderá fumar nin vapear en terrazas de bares e restaurantes, nas praias ou piscinas de uso colectivo, nas instalacións deportivas ou en recintos ao aire libre onde se desenvolvan espectáculos públicos, entre eles concertos.
"Calquera que se queira tomar un café ou que queira gozar do seu lecer libremente nunha terraza debería poder facelo sen que o fume das mesas de ao redor forme parte do menú", sostivo a ministra.
Tampouco se poderá fumar en campus universitarios, en espazos do transporte urbano, como plataformas, corredores ou marquesiñas, nin a menos de quince metros de centros sanitarios, sociais, educativos, culturais, deportivos, museos, bibliotecas ou parques infantís.
A reforma somete os novos produtos ás mesmas restricións de consumo que ao tabaco tradicional e só se poderán vender e fornecer en tendas especializadas.
Ademais, haberá máis restricións á publicidade, promoción e patrocinio do tabaco e demais dispositivos relacionados e tampouco se poderá exhibir cartelaría que sexa visible desde o exterior de estancos e tendas especializadas.
En medios de comunicación e contidos audiovisuais, non se poderán emitir programas, vídeos ou imaxes nos que presentadores, colaboradores ou invitados aparezan fumando, consumindo ou mostrando produtos do tabaco ou derivados.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.