O alumnado de Bacharelato de Artes do IES A Xunqueira I impulsou unha campaña de concienciación ambiental a través da creación de carteis centrados no impacto das cabichas na contorna urbana e natural.
A iniciativa, integrada na materia de Deseño, foi pensada principalmente para o propio instituto, pero ampliouse coa colaboración do alumnado do CEIP, A Xunqueira 1 e 2 e do CIFP A Xunqueira.
En total, o alumnado deseñou 20 carteis, que se repiten diante de cada centro.
Os traballos, explicou a profesora Blanca Barrio, forman parte do currículo académico, no que o cartel é un dos formatos a desenvolver. Foron realizados principalmente con técnicas como acrílicos ou témperas orientados cara á sensibilización medioambiental.

O obxectivo, sinala, é pór o foco na importancia de non arroxar residuos ao solo, especialmente cabichas, polo seu impacto na contaminación e no aumento do risco dos incendios.
A idea xurdiu ao detectar a presenza habitual de cabichas na contorna do instituto, sobre todo na zona dos centros de Formación Profesional. A partir de aí, expúxose unha campaña que non buscase tanto incidir no consumo de tabaco, senón na responsabilidade individual sobre a contaminación.

Trátase de "pór en valor que podemos facer algo máis por coidar a cidade e de paso o medioambiente", subliña Barrio, que lembra que as cabichas, se se tiran ao solo, poden acabar no mar a través dos sumidoiros, afectando os ecosistemas.
Cada estudante desenvolveu a súa proposta de maneira individual, inspirándose en diferentes correntes artísticas como o Art Nouveau, o Pop Art, o constructivismo ou o dadaísmo, e seguindo o proceso habitual de cada traballo coa realización de bosquexos e a memoria explicativa correspondente.
Entre as propostas, destacan traballos que representan praias contaminadas e outros que apelan á protección da auga potable e dos océanos.
Miki Abuín, un dos alumnos, explica que o obxectivo era "facer un cartel non orientado cara á prohibición do tabaco, senón máis cara ao feito de non contaminar o medio con este tipo de residuos". No seu caso, optou por inspirarse no Art Nouveau.

Pola súa banda, Estela Donia decantouse polo Pop Art, utilizando "liñas moi grosas, cores planas e a repetición do cigarro" para representar visualmente a contaminación e reforzar a idea desta corrente artística que consiste en "a repetición de produtos da sociedade consumista".
Carlota Ferreira, en cambio, elixiu o dadaísmo e a técnica do collage, centrando o seu traballo na importancia de non contaminar a auga potable e na necesidade de reducir o impacto ambiental na vida cotiá.
O tres coinciden en que, aínda que hai maior concienciación entre a mocidade, "sempre vai haber xente que fume. Creo que agora hai máis conciencia do impacto ambiental e tamén dos riscos para a saúde", apunta Abuín.
No caso de Ferreira, engade que, aínda que o consumo persiste na súa contorna, existe unha maior responsabilidade á hora de "tentar contaminar menos e ser máis consciente das consecuencias".
A campaña tivo gran éxito entre os centros participantes e non descartan repetila, aínda que cun enfoque diferente que implique en maior medida a todo o alumnado de primaria, secundaria, bacharelato e dos centros de formación profesional.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.