Adían o inicio da reforma da avenida de Lugo para non afectar ao comercio na campaña de Nadal

Pontevedra
22 de novembro 2013

Trátase da actuación urbana de maior orzamento do actual mandato municipal, cun importe de 1,1 millóns de euros. O prazo de execución inicial de 12 meses foi reducido a só 5,3 meses, polo que as obras estarán concluídas a principios do próximo verán

As obras de urbanización integral da avenida de Lugo vaise adiar para que non se vexa afectada a campaña de vendas do Nadal. O tenente de alcalde, Antón Louro, pactou cos comerciantes o comezo dos traballos para mediados do mes de xaneiro no transcurso dunha visita realizada á zona este venres.

Trátase da actuación urbana de maior orzamento do actual mandato municipal, cun importe de 1,1 millóns de euros. Estarán a cargo da empresa Eiriña, que enviou aos seus representantes á xuntanza cos comerciantes.

Louro destacou que as obras non provocarán excesivas molestias, ao tratarse dunha rúa moi ancha e que permite traballar con comodidade. Ademais, destacou que o prazo de execución inicial de 12 meses foi reducido a só 5,3 meses, polo que as obras estarán concluídas a principios do próximo verán.

O espírito do proxecto está no intento de embelecer unha entrada importante ao centro urbano e que agora presenta un aspecto totalmente inapropiado. Un dos principais obxectivos é dignificar unhas beirarrúas moi deterioradas e ordenar axeitadamente o aparcamento.

As obras abranguen un tramo de preto de 300 metros de rúa, comprendido entre as rotondas da serraría e de San Mauro. Ambas rotondas serán ampliadas e completamente remodeladas, construíndo tamén novas beirarrúas para garantir a mobilidade peonil ao seu redor.

Na avenida de Lugo manteranse os dous carrís de circulación en ambos sentidos e senllos cordóns de aparcamento en batería. O lado dereito (sentido centro urbano) terá carácter de bulevard cun ancho duns 10 metros e dúas filas de árbores. O pavimento estará rematado en formigón negro. O lado esquerdo será pavimentado en lousa de cor laranxa e unha anchura de tres metros.

Os servizos e tubos soterrados serán completamente renovados para garantir unha durabilidade mínima de 25 anos e evitar así avarías na rede actual, obsoleta e deficiente.