As administracións afinan o dispositivo para que a observación da eclipse solar do vindeiro 12 de agosto poida gozarse con seguridade.
Este mércores, o subdelegado do Goberno, Abel Losada, presidiu a segunda xuntanza de coordinación, na que participaron corpos de seguridade, responsables de emerxencias e representantes turísticos e municipais.
Trátase de organizar a chegada de visitantes e garantir que todo discorra con normalidade nun evento que promete atraer a milleiros de persoas.
Un dos puntos fundamentais foi a identificación de lugares axeitados para observar a eclipse. Polo de agora, sete concellos xa deron o paso formal e propuxeron espazos: A Caniza, As Neves, O Porriño, Ponte Caldelas, Salvaterra de Miño e Vilanova de Arousa. Outros como Silleda e Meis están aínda a completar a documentación necesaria.
Iso si, non abonda con sinalar un bo miradoiro xa que a Dirección Xeral de Emerxencias advertiu de que os concellos deberán elaborar plans de autoprotección por se se superan os aforos previstos.
Ademais, aqueles puntos situados en zonas forestais terán que contar coa autorización da Consellería de Medio Rural e quedarían automaticamente descartados se ese día hai risco alto ou extremo de incendio.
Neste contexto, Losada pediu prudencia á hora de comunicar información ao público.
En particular, instou ao sector turístico, incluído Turismo Rías Baixas, a non difundir listaxes non oficiais de puntos de observación.
"Os medios non son ilimitados", lembrou, facendo fincapé en que só os espazos aprobados contarán cun dispositivo específico de seguridade.
A mensaxe, porén, quere ser tranquilizadora xa que non fará falta desprazarse grandes distancias para gozar do fenómeno.
Segundo explicou o subdelegado, practicamente toda a provincia permitirá observar a eclipse nun 99%, unha diferenza mínima respecto ao 100% que se acadará en zonas moi concretas como Rodeiro, Agolada e Vila de Cruces.
Así, a recomendación é escoller un lugar próximo, con boa visibilidade cara ao oeste, evitar aglomeracións innecesarias e, sobre todo, non esquecer a protección ocular con gafas homologadas.
O operativo seguirá tomando forma nas vindeiras semanas. De feito, as distintas administracións acordaron unha terceira e última reunión de coordinación o próximo mes, na que tamén participará a Dirección Xeral de Defensa do Monte. Todo, para que o 12 de agosto o sol sexa o único protagonista.