Adxudicadas as obras para mellorar a mobilidade da contorna do colexio de Campañó

Pontevedra
08 de maio 2023

A empresa Covsa será a encargada de executar o novo proxecto que aspira a revolucionar a mobilidade da contorna do colexio Parada, en Campañó, acondicionando o espazo para facilitar o acceso do alumnado ao centro con máis seguridade. Foi adxudicado por 424.614,36 euros. O Goberno local espera "comezar canto antes"  

Proxecto para Campañó Diana Eiras

A empresa Covsa será a encargada de executar o novo proxecto que aspira a revolucionar a mobilidade da contorna do colexio Parada, en Campañó, acondicionando o espazo para facilitar o acceso do alumnado ao centro con máis seguridade

A mesa de contratación, reunida o xoves pasado, decidiu adxudicar a esta empresa o proxecto, que mellorará a seguridade viaria e permitirá crear un núcleo de centralidade parroquial similar aos xa postos noutros puntos do rural pontevedrés. 

A portavoz do Goberno local, Anabel Gulías, explicou que o proxecto foi adxudicado por 424.614,36 euros, unha cifra rebaixada con respecto ao orzamento base de adxudicación, de 476.000 euros. 

A actuación terá un prazo de execución de catro meses e desde o Goberno local sinalan que esperan "comezar canto antes" co obxectivo de que estea finalizada e visada antes de final de ano. 

Esta data de fin de 2023 é unha esixencia derivada do financiamento do proxecto polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) con cargo á Estratexia de Desenvolvemento Urbano e Sostible (EDUSI) 'Máis modelo Pontevedra'.