Adxudican a Covsa o proxecto de reurbanización das rúas Olimpio Arca e Xoán Xesús González, en Cuntis

Umia
16 de maio 2022

Investirá 578.418 euros, a través do Plan ReacPon, para revitalizar está área mediante a mellora das súas infraestruturas e a creación dunha plataforma única

Rúas Olimpio Arca e Xoán Xesús González en Cuntis que van ser reurbanizadas
Rúas Olimpio Arca e Xoán Xesús González en Cuntis que van ser reurbanizadas / Concello de Cuntis

O Concello de Cuntis ven de formalizar a adxudicación definitiva do proxecto de reurbanización das rúas Olimpio Arca e Xoán Xesús González á empresa Construcciones, Obras y Viales SA (COVSA) por un importe de 578.418 euros, que se executará seguindo as liñas dos principios establecidos pola Deputación de Pontevedra na rede de Concellos Ágora polo espazo público.

O proxecto, financiado con cargo ao programa ReacPon da Deputación de Pontevedra, busca a mellora integral dun dos barrios que máis actividade ten do concello, dado que nel se encontra situado o Centro de Saúde e o Auditorio municipal. 

A actuación contempla a renovación integral de todos os servizos desas rúas e a transformación das mesmas en plataforma única, implementación de elementos de sinalización e a renovación do parque infantil e ampliando as zonas de desfrute social dos veciños nestas rúas, polo tanto un antes e un despois para cumprir cos obxectivos da axenda 2030.

Para Manuel Campos, alcalde de Cuntis, "este proxecto evidencia o obxectivo do goberno local de mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas dándolle aos espazos públicos un uso plural e amable, fomentando a estancia e as mobilidades alternativas". 

"É un espazo moi frecuentado por persoas de todas as franxas de idade polo tanto imos crear un nova zona de convivencia, de encontro entre a cidadanía, accesible e cómoda. Este proxecto é un paso adiante no modelo de concellos que queremos", apunta o rexedor cuntiense.