Adxudican á empresa COVSA a reforma de Cruz Vermella por 1,1 millóns

Pontevedra
11 de xuño 2018

A actuación terá un prazo de execución de 10 meses e permitirá gañar espazos de convivencia no barrio. A Xunta de Goberno aprobou esta mañá a adxudicación por un valor de 1.186.284 euros, incluíndo as melloras da beirarrúa de Padre Gaite (93.229,61 euros) e a reurbanización da praza da Castaña (61.229,64 euros)

Traballador da empresa COVSA
Traballador da empresa COVSA

A empresa COVSA será a encargada das obras de urbanización da rúa Cruz Vermella. A actuación terá un prazo de execución de 10 meses e permitirá gañar espazos de convivencia no barrio. 

A Xunta de Goberno aprobou esta mañá a adxudicación por un valor de 1.186.284 euros, incluíndo as melloras da beirarrúa de Padre Gaite (93.229,61 euros) e a reurbanización da praza da Castaña (61.229,64 euros).

A reforma supón, en realidade, catro actuacións. A primeira será mellorar as rúas Cruz Vermella e Álvaro Cunqueiro, na que se empatará a actuación coa obra xa feita e se gañará espazo peonil con beirarrúas de máis de tres metros, ordenarase o aparcamento nunha única beira da calzada e regularizarase o mobiliario urbano. O tráfico a motor terá saída por Salustiano Portela Pazos, cara a avenida de Bos Aires.

A segunda actuación será na rúa Salustiano Portela Pazos, que queda en dirección saída do barrio e cambiáselle de lado o aparcamento.

Na rúa Padre Gaite vaise refacer a beirarrúa enteira e eliminaranse os plátanos, que son unha barreira na beira do Pavillón Universitario. Substituiranse por novas árbores e ordénase todo o espazo con mobiliario, iluminación, árbores, tránsitos peonís...

A última actuación será a creación dunha nova praza, a máis ambiciosa. Vai prestar atención preferente ao centro de ensino permitindo que os nenos poidan ir sós ao colexio e poidan xogar na rúa. Tamén se lle dá un servizo parecido ao pavillón de deportes e ao centro da Cruz Vermella. O acceso e saída á praza será pola rúa Padre Gaite.

Haberá tamén actuacións xerais como renovación da rede de saneamento, de auga e de electricidade para a iluminación, instalación de mobiliario urbano, cambio integral da iluminación e novo arborado con tratamentos diferenciados en cada zona.