O Concello de Poio vén de adxudicar novos traballos arqueolóxicos na Illa de Tambo, que serán executados pola empresa Tempos Arqueolóxicos. Esta intervención forma parte dun convenio de colaboración coa Xunta de Galicia, que financia integramente as actuacións cun orzamento próximo aos 30.000 euros.
Os traballos previstos inclúen unha prospección arqueolóxica intensiva en toda a illa, coa realización de sondaxes valorativas en distintos puntos de interese, como o antigo Lazareto, a capela ou a praia.
Segundo os resultados obtidos, definiranse novas áreas de estudo e intervención.
Tamén se levarán a cabo labores de topografía e fotogrametría 3D das estruturas conservadas, a instalación dun cartel interpretativo sobre o patrimonio da illa e a redacción dun proxecto arqueolóxico completo, que incluirá un informe preliminar e unha memoria técnica final.
Ademais, o programa contempla accións de divulgación para achegar á cidadanía os avances e descubrimentos destas investigacións.
Este asunto foi un dos puntos abordados na sétima reunión da Comisión Mixta de Seguimento da Cesión Demanial da Illa de Tambo, celebrada esta semana.
Nese encontro participaron o alcalde de Poio, Ángel Moldes, o comandante director da Escola Naval Militar de Marín, Tomás Clavijo, e varios responsables e técnicos municipais.
Durante o encontro tamén se fixo balance das actividades realizadas ao longo do ano e das previstas para os próximos meses, todas elas dirixidas a poñer en valor e conservar un dos grandes tesouros patrimoniais de Poio.