Aprobado o Plan de Emerxencias da Illa de Tambo

Poio
09 de xullo 2025

O alcalde responde ás críticas e insiste en que o único obxectivo do Concello de Poio é converter Tambo nun referente medio ambiental, turístico e patrimonial absolutamente respectuoso coa contorna

Comisión de Seguimento da illa de Tambo
Comisión de Seguimento da illa de Tambo / Concello de Poio

A última xuntanza da Comisión de Seguimento da Illa de Tambo, celebrada esta semana en Poio, aprobou por unanimidade o Plan de Emerxencias e Autoprotección da Illa de Tambo.

Trátase dun documento que, segundo a información facilitada polo Concello, cumpre todos os requisitos técnicos desde o punto de vista medioambiental.

O alcalde, Ángel Moldes, explicou que as alegacións presentadas conteñen observacións de interese que poderán ser tidas en conta en futuras revisións e adaptacións deste plan de emerxencias, especialmente tras a aprobación do Espazo Natural de Interese Local (ENIL).

A raíz desta reunión, a asociación ecoloxista Adega amosouse moi crítica coa proposta do goberno local para a construción de novas infraestruturas na Illa, tales como un auditorio, un albergue e un museo. 

Despois destas críticas, o alcalde volveu insistir en que "o único obxectivo do Concello de Poio" é converter a Tambo nun referente medio ambiental, turístico e patrimonial "absolutamente respectuoso coa contorna"

A Comisión de Seguimento avanzou de forma significativa na elaboración dun documento clave para garantir a protección e conservación deste espazo natural, nomeadamente: a redacción do ENIL e do Plan de Usos e Conservación.

O Concello explica qe esta xuntanza enmárcase nun proceso de participación e escoita activa dos colectivos e entidades que forman parte da comisión, co obxectivo de integrar as súas achegas e avanzar neste documento desde o diálogo e o consenso.

Unha vez pechado o prazo de presentación de alegacións, realizáronse reunións individualizadas con cada colectivo que presentou observacións, co fin de incluír as súas suxestións no documento conxunto.

Segundo a información municipal, todos coincidiron na importancia de avanzar con estes documentos, facelo con consenso e priorizando en todo momento o respecto máximo á natureza, conservación, protección e historia da illa.