Ecoloxistas de Adega alertan de intención de urbanización e masificación turística da Illa de Tambo

Poio
09 de xullo 2025

Sosteñen que as pretensións do goberno local son "urbanizar e converter Tambo nun parque temático a maior gloria do turismo masivo valéndose dunha figura de conservación ambiental"

Illa de Tambo
Illa de Tambo / ADEGA

O colectivo ecoloxista Adega denuncia que o Concello de Poio propón a construción de novas infraestruturas na Illa de Tambo, tales como un auditorio, un albergue e un museo

Sosteñen esta denuncia no contido do "documento refundido" da memoria e plano de usos do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) para a Illa de Tambo presentado polo alcalde, Ángel Moldes, na Comisión de seguimento da illa

Segundo esta entidade, a construción destas infraestruturas "consumarán a urbanización" da parte norte da illa, precisamente a mellor conservada e a máis sensible ambientalmente.

Para os ecoloxistas, esta proposta é contraria á conservación e o mantemento da illa como espazo natural. 

Para Adega, as pretensións do actual Concello de Poio son "urbanizar e converter Tambo nun parque temático a maior gloria do turismo masivo valéndose dunha figura de conservación ambiental".

A través da comisión de seguimento, a entidade xa solicitou ao concello a retirada do "documento refundido de ENIL", no que se inclúen estas medidas, e "que se volva á racionalidade ambiental e ao espírito conservacionista" explicitado no documento inicial.

Así, critican que no edificio do antigo lazareto, que hoxe só conserva os muros, o plan do Concello proxecta un restaurante, cafetería, cociña, aseos e dormitorios.

No bloque destinado a albergue, inclúense dormitorios, aseos, cociñas, duchas e proponse a construción dun edificio para museo.

Adega critica que para abastecer todos eses edificios, o novo documento non recolle ningunha mención ao abastecemento de auga e tampouco prevé o saneamento e tratamento das augas residuais. "Semella que ditas infraestruturas serán soportadas pola illa, que carece dun subministro de auga permanente e de calquera instalación de tratamento e depuración", cuestionan.

E tamén critican que "nada se di tampouco da xestión dos residuos sólidos xerados, nin dos custos económicos que para o Concello de Poio terá a construción e mantemento de todos eses edificios e servizos".

O colectivo lembra que un estudo de 2023 alerta de que en Tambo existe unha valiosa biota que "pode resultar gravemente afectada pola pretendida urbanización da illa, disimulada dentro dunha figura de conservación da natureza".