As primeiras escavacións que se realizaron na illa de Tambo, no municipio pontevedrés de Poio, revelaron restos que, segundo os investigadores, se corresponderían cun mosteiro construído no século VII.
O achado produciuse no lugar no que estaría o coñecido como Mosteiro de Santa María de Graza, que foi derrubado a finais do século XVI polas tropas do corsario inglés Francis Drake.
As inspeccións realizadas neste enclave descubriron restos dos muros e das paredes deste mosteiro en dúas zonas diferenciadas, segundo confirmaron os responsables da asociación Irmandade Illa de Tambo.
"Esta sería, sen dúbida, unha gran achega para incrementar o valor patrimonial da illa", sostén este colectivo, que xa informou deste novo achado ao servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia, dependente da Consellería de Cultura.
Irmandade Illa de Tambo apunta que a "constante aparición" de restos históricos debería levar ao goberno galego a considerar a declaración desta illa como ben de interese cultural (BIC) para garantir a súa conservación.

Despois de que o Ministerio de Defensa desafectase esta illa e a cedera ao Concello de Poio en marzo de 2022, a asociación considera que deben acometer "de maneira urxente" os traballos para completar o mapa arqueolóxico de Tambo.
Entre os asuntos "que non admiten máis demora", engaden tamén a eliminación de eucaliptos e especies invasoras, a retirada de refugallos da etapa militar da illa, a mellora da seguridade no peirao e na senda peonil ou asegurar as estruturas dos edificios existentes.
Ademais, o colectivo reclama que se incorpore a un arqueólogo ao equipo redactor do plan de usos para esta illa, ao lembrar que se trata dun espazo "con pegadas desde a Prehistoria" e no que se aprecian "todas as etapas da historia até a actualidade".