Os plans de mantemento e roza inmediatos en Tambo, eixo da nova reunión da comisión mixta sobre a illa

Poio
14 de febreiro 2025

A comisión mixta para o seguimento da cesión demanial da illa mantivo a súa sexta reunión, á que asistiron o alcalde de Poio, Ángel Moldes; e o comandante director da Escola Naval, Pedro Cardona

Comisión mixta Illa de Tambo
Comisión mixta Illa de Tambo / Concello de Poio

A comisión mixta para o seguimento da cesión demanial da Illa de Tambo mantivo esta semana a súa sexta reunión, á que asistiron o alcalde de Poio, Ángel Moldes; o comandante director Pedro Cardona con outros responsables da Escola Naval Militar de Marín; e técnicos municipais. 

No encontro, o Concello anunciou que vai executar "de xeito inminente" un plan de mantemento das zonas e sendas de tránsito na illa, así como a revisión dos eucaliptos con risco de caída e traballos de roza.

Será, segundo explica o Concello, "unha posta a punto para garantir a seguridade" na illa, que se intensifica nos meses de primavera, xa que é a época adecuada e recomendada para facelo. 

Ángel Moldes deu conta de todas as actividades desenvoltas durante este ano e as que están previstas de cara os próximos meses e destacou que apostan por poñer en valor e preservar "un dos tesouros do noso municipio".

Tamén explicou que neste momento está aberto o período de alegacións ao Plan de Emerxencias da Illa, un documento que xa foi aprobado inicialmente en pleno e que, os técnicos confían en que estea aprobado definitivamente antes de Semana Santa, coincidindo co inicio do período de visitas da illa.

O Concello tamén lembrou nesta reunión, celebrada na Escola Naval, que a última sesión da Mesa de Turismo de Poio, un representantes dos guías turísticos profesionais incidiu sobre a necesidade de dispoñer dun protocolo de actuación e un plan para actuar na illa en caso de emerxencia.

O alcalde falou tamén dos avances do Plan de Usos e ENIL e indicou que neste momento os técnicos están analizando as achegas dos membros da Comisión de Seguimento de Tambo ao documento unificado dos dous proxectos, que priorizan o máximo respecto á natureza, conservación, protección e historia da illa.