O Ministerio encarga un informe sobre o estado do peirao da illa de Tambo

Poio
03 de xaneiro 2025
Actualizado: 16:48

Por outra banda, a Xunta ten reservado un orzamento de 190.611 euros para garantir a asistencia sanitaria presencial no Parque Nacional das Illas Atlánticas ao longo deste ano e do seguinte

A Illa de Tambo
A Illa de Tambo / Mónica Patxot

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible pediu á Autoridade Portuaria de Marín-Ria de Pontevedra que faga un informe sobre o estado do peirao da illa de Tambo, atendendo a solicitude feita pola Asociación Irmandade Illa de Tambo.

A finais do 2011 unha parte desta infraestrutura colapsou sendo restaurada no 2014. Entonces o persoal técnico advertira que o resto do peirao non ofrecía garantías debido a danos tanto nos forxados con desprendementos de cascallos, oxidacións das barandas de protección e diversas fisuras nos alicerces.

Dende o ano 2014, Irmandade Illa de Tambo vén advertindo da necesidade dunha revisión e intervención completa sobre esa estructura, "e últimamente podemos observar que as deficiencias van en aumento polo que tivemos que proceder a remitir o escrito de referencia", explica este colectivo.

"Queremos manifestar o noso interese en abordar este asunto por ser clave en canto á seguridade dos centos de persoas e embarcacións que acceden á illa polo seu reclamo, e non agardar a que poida producirse un sinistro e ter que lamentar as consecuencias", sostén Irmandade Illa de Tambo.

ASISTENCIA SANITARIA NO PARQUE NACIONAL

A Xunta ten reservado un orzamento de 190.611 euros para garantir a asistencia sanitaria presencial no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia ao longo deste ano e do seguinte.

O contrato, que acaba de sacar a licitación a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, permitirá ofrecer este servizo as 24 horas do día no caso de Cíes e de Ons coincidindo cos dous períodos de tempada alta nos que existe transporte regular ás illas e nos que o límite de visitantes é maior: do 15 de maio ao 30 de setembro e durante os 10 días da Semana Santa.

A maiores, a adxudicataria do contrato tamén se deberá facer cargo da asistencia sanitaria que poida ser necesaria durante as excursións organizadas a calquera dos catro arquipélagos que integran o Parque Nacional (Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora). En total, cada ano organízanse 20 viaxes deste tipo ás illas fóra de tempada alta.

Para garantir unha correcta prestación do servizo e cubrir as correspondentes quendas de traballo, requírese un mínimo de catro diplomados ou graduados en Enfermería. Ademais, a empresa deberá contar cunha persoa que teña experiencia coordinando equipos no ámbito sanitario en espazos remotos.