Traballos de limpeza, roza e acondicionamento preparan a Illa de Tambo para a Semana Santa

Poio
09 de abril 2025

Durante a Semana Santa, as visitas poderán realizarse entre o xoves 17 e o domingo 20, con saídas diarias desde o porto de Combarro en grupos de ata 50 persoas, cun máximo de catro viaxes por día

Rocío Cochón, na Illa de Tambo
Rocío Cochón, na Illa de Tambo / Concello de Poio

A Illa de Tambo está poñéndose a punto para a Semana Santa, co obxectivo de recbir nas mellores condicións os viaxeiros que a queiran coñecela ou redescubrila durante as vacacións.

A concelleira de Turismo de Poio, Rocío Cochón, supervisou este mércores os traballos de limpeza, roza e acondicionamento que se veñen reforzando nos últimos días.

Actuaron nos puntos emblemáticos da illa, como a praia de Area da Illa, o Faro de Tenlo, a Capela de San Miguel ou o Lazareto, que están xa practicamente preparados.

Cochón destacou a aposta do Concello por garantir que Tambo "siga sendo unha referencia natural, cultural e patrimonial, pero tamén de turismo consciente e sustentable".

"Somos afortunados de contar cun legado histórico, natural e cultural extraordinario, como o de Tambo, pero tamén supón unha enorme responsabilidade”, explicou Cochón.

Para preservalo, desde o Concello de Poio traballan "paseniño, pero coa máxima dedicación e compromiso".

A concelleira convida á cidadanía a facer a solicitude de autorización e a reserva de praza, xa que son limitadas, e conlevan o billete “a unha experiencia realmente marabillosa”.

Durante a Semana Santa, as visitas poderán realizarse entre o xoves 17 e o domingo 20, con saídas diarias desde o porto de Combarro en grupos de ata 50 persoas, cun máximo de catro viaxes por día.

Cada viaxeiro precisa unha autorización de acceso, expedida gratuitamente polo Concello, e billete nunha das dúas navieiras que contan con servizo á Illa.

A duración da visita oscila entre 2,5 e 3 horas e inclúe unha ruta guiada de uns 2 quilómetros pola senda circular que percorre varios lugares de especial interese de Tambo.

Os interesados poden atopar toda a información, consultar dispoñibilidade, solicitar a pertinente autorización e realizar a reserva da viaxe na páxina web del Concello de Poio  ou en https://turismopoio.com/que-ver/cultura-y-patrimonio/reservas-isla-de-tambo/.

Despois da Semana Santa, as visitas seguirán abertas os venres, sábados e domingos, coas mesmas condicións de acceso e limitacións do número de visitantes.

Tamén é posible solicitar autorización como asociación ou colectivo para organizar visitas colectivas. O período de visitas volverase a ampliar nas vacacións estivais, entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, aproximadamente.