Conmemoración do Día Mundial do Cancro de Mama cun acto simbólico na Illa de Tambo

Poio
15 de outubro 2025
Actualizado: 8:36

A Illa de Tambo acolle unha xornada solidaria polo cancro de mama impulsada por Poio e entidades locais

Illa de Tambo
Illa de Tambo / Asociación Irmandade Illa de Tambo

O próximo 19 de outubro, a Illa de Tambo será o escenario dun emotivo encontro con motivo do Día Mundial do Cancro de Mama.

O Concello de Poio, a Irmandade Illa de Tambo, Libélulas BCS Club Naval e a Asociación de Amigos da Pontevedrada (ASAMPO) suman forzas nunha xornada moi especial cargada de simbolismo, solidariedade e esperanza.

Un dos momentos máis significativos será a colocación dunha táboa pirograbada coa imaxe do Arcanxo San Miguel, que será instalada xunto á fonte de auga doce que leva o seu nome.

Esta peza, elaborada con dedicación, representa a forza, a protección e a esperanza, todos eles valores que resoan profundamente na loita contra o cancro e que unen a toda unha comunidade ao redor dunha mensaxe de apoio e superación.

O traslado desta táboa tan especial correrá a cargo das Libélulas BCS Club Naval, a bordo do seu Dragón. 

Pola súa banda, representantes do Concello de Poio, da Irmandade Illa de Tambo e de ASAMPO tamén se sumarán á xornada, chegando á illa no barco dos navieira Cruceiros Pelegrín.

Máis aló do acto en si, esta iniciativa busca dar visibilidade ao compromiso das entidades locais coa saúde, a solidariedade e a igualdade. Tamén destaca a importancia de traballar xuntos por causas que realmente importan.

Con accións como esta, Poio demostra unha vez máis que é unha comunidade próxima, comprometida e solidaria, que sempre está disposta a tender a man a quen o necesita.