A AECC concede en Pontevedra a súa primeira axuda predoctoral para investigar o cancro de pulmón

Pontevedra
24 de xaneiro 2026

A primeira beneficiaria desta axuda predoctoral é Uxía Termenón, investigadora do Grupo de Oncoloxía Traslacional do IIS Galicia Sur

Ana García e Uxía Termenón AECC

A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) presentou este venres a Axuda Predoctoral AECC Pontevedra 2025, unha iniciativa que se desenvolverá no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) e que marca un fito para a entidade na provincia.

A primeira beneficiaria desta axuda predoctoral é Uxía Termenón, investigadora do Grupo de Oncoloxía Traslacional do IIS Galicia Sur, que contará co respaldo da AECC durante o próximos catro anos para desenvolver a súa tese doutoral. O seu proxecto céntrase nun reto fundamental da oncoloxía actual como é mellorar a eficacia da inmunoterapia en pacientes con cancro de pulmón, de modo que este tratamento poida beneficiar a un maior número de persoas.

Baixo a dirección da doutora Mónica Martínez-Fernández, Uxía Termenón traballará na identificación de marcadores xenéticos capaces de predicir que pacientes responderán mellor á inmunoterapia.

Ademais, o estudo explorará novas combinacións de fármacos, especialmente tratamentos epixenéticos, co obxectivo de aumentar a efectividade das terapias actuais e avanzar cara a un medicamento máis personalizado.

Ana García, presidenta provincial da AECC en Pontevedra, destacou a relevancia desta primeira axuda predoctoral concedida na provincia. "Trátase dun proxecto cun enorme rigor científico e cunha clara vocación de impacto real na vida dos pacientes", sinalou, agradecendo tamén a implicación de socios, doantes, voluntariado, profesionais e empresas que fan posible seguir apostando pola investigación.

A propia investigadora quixo pór o foco no apoio recibido e no valor da ciencia como motor de cambio. Uxía Termenón agradeceu o compromiso da Asociación Española Contra o Cancro e subliñou que iniciativas como esta son clave para avanzar cara a tratamentos "máis efectivos e personalizados".

Tras a entrega da axuda, celebrouse unha mesa de diálogo moderada por Eva Poveda, directora científica do IIS Galicia Sur, na que participaron a investigadora e a súa directora de tese. Poveda destacou a colaboración entre ambas as institucións e o papel destas axudas na formación de talento novo, ademais do seu impacto directo na mellora da saúde e a calidade de vida da sociedade.

Pola súa banda, a directora de divulgación científica da Fundación Científica da AECC, Naiara Cambas lembrou que este tipo de axudas "van moito máis alá do apoio económico" e simbolizan confianza, futuro e un compromiso firme coa ciencia e o desenvolvemento do coñecemento no territorio.