Este luns tivo lugar a apertura do novo centro da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Pontevedra e Comarca (Afapo).
Nesta inauguración participaron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o presidente da Deputación, Luis López e a conselleira de Servicios Sociais, Fabiola García, entre outras autoridades.
As autoridades fixeron un percorrido polas instalacións da nova sede guiados polo presidente de Afapo, Jose Manuel Fontenla, e saudaron aos traballadores e usuarios, coñecendo polo miúdo as liñas mestras do proxecto de Afapo, as atencións que prestan aos seus usuarios e os seus obxectivos de futuro.
O novo local, ubicado no Gorgullón, ten unha superficie de case 300 metros cadrados e comezará a funcionar coa atención directa a 82 familias e un equipo de oito profesionais especializados. Afapo espera que cando estea a pleno rendemento permita prestar servizo a 200 familias na comarca.
Na sú intervención, o titular da Xunta puxo en valor o "compromiso firme" da sociedade galega e do goberno autonómico coas persoas que padecen alzhéimer e outras demencias, así como coas súas familias.
Rueda salientou a evolución e o "labor exemplar de Afapo" ao longo de máis de dúas décadas, resaltando que este novo espazo simboliza "a capacidade de superación" dunha entidade que comezou con recursos limitados e que hoxe pode atender ata 200 usuarios, fronte aos 25 que atendía hai apenas cinco anos.
Rueda atribuíu este crecemento á "calidade e dedicación do traballo de Afapo", así como á confianza xerada entre as familias e ao valor dos servizos que presta.
O presidente referiuse tamén ao apoio da Xunta á entidade, lembrando que, desde 2012, lle confía a xestión do centro de día de alzhéimer en Pontevedra, con 35 prazas públicas, e que se concertaron outras 20 prazas nos centros de Moraña e Marín.
O alcalde aplaudiu o labor que desenvolve Afapo ofrecendo unha "atención digna, integral e humana" e destacou que "Pontevedra é unha cidade solidaria".
"Entidades como Afapo son a canle para que o apoio público de organismos como a Deputación chegue tamén ás familias", afirmou Luis López.