AGE reclama no Parlamento "unha solución satisfactoria" para o parque forestal de Cotorredondo

Marín
14 de marzo 2016

O viceportavoz Antón Sánchez de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) pide á Xunta que dialogue coa comunidade de montes, que defende a creación dun xardín botánico no lugar

Lago de Castiñeiras PontevedraViva

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) vén de rexistrar diversas iniciativas parlamentarias para esixir "unha solución satisfactoria" para os terreos do parque forestal de Cotorredondo. O viceportavoz de AGE Antón Sánchez concorda coa comunidade de montes do lugar, que defende a creación dun xardín botánico, e insta á Xunta a "iniciar un diálogo" con ela.

A Consellaría de Medio Ambiente anunciou a comezos do ano en curso o traslado a Cotobade do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre do parque forestal de Cotorredondo.

A comunidade de montes da zona presentou daquela ao goberno galego un plan construír nesa localización un xardín botánico. A súa intención é a vontade de dotar o monte dun "novo incentivo" que atraia aínda máis persoas das que xa visitan o lugar, sobre todo nas fins de semana.

Alternativa Galega de Esquerda apoia as reivindicacións da comunidade de montes e insta á Xunta a que estude a proposta do xardín botánico ou "un acordo satisfactorio" para o parque forestal de Cotorredondo.