O sarxento comandante do posto da Garda Civil de Soutomaior resultou agredido a pasada fin de semana cando tratou de evitar que dúas persoas agredisen outra nas inmediacións da súa casa.
Segundo a información facilitada pola Garda Civil, os feitos ocorreron o pasado sábado, 4 de outubro, cando o sarxento se atopaba na súa vivenda fóra de servizo.
Escoitou berros e, ao achegarse ao portal, observou que dous homes armados cun pau e unha cadea perseguían outro home mentres gritaban ameazas de morte, para que lles devolvese un diñeiro que lles debía.
O home que ía escapando dirixiuse á vivenda para protexerse e, nese momento, interveu o sargente.
O mando da Garda Civil tentou frear aos outros dous e identificouse de forma verbal e co seu cartón profesional. A pesar diso, foi agredido e sufriu lesións de gravidade no rostro.
Os dous agresores tamén atacaron ao can do axente e ameazárono con matalo e queimarlle a vivenda.
Finalmente, ao ver que lles seguía impedindo o acceso, acabaron por irse.
O equipo de Policía Xudicial de Vigo localizou e detivo os presuntos agresores.Trátase de dous veciños de Soutomaior de 36 e 46 anos, ambos con numerosos antecedentes policiais.
Ambos están investigados por malos tratos animais e os delitos de lesións e ameazas contra axente da autoridade.
Este luns, os detidos pasaron a disposición do Xulgado de Garda de Redondela.
Tanto os dous agresores como o terceiro individuo que fuxía deles son coñecidos polas Forzas de Seguridade da zona por algún feito delituoso anterior.