Ainhoa Fervenza presenta unha candidatura socialista á alcaldía de Sanxenxo contra as "fanfarronerías e bravuconadas urbanísticas"

Sanxenxo
18 de decembro 2022

A candidata socialista á alcaldía de Sanxenxo, Ainhoa Fervenza, presentou as súas credenciais nun acto público celebrado este sábado no Revel

Acto de presentación de Ainhoa Fervenza como candidata do PSOE en Sanxenxo PSdeG-PSOE

Un acto público celebrado este sábado no Revel supuxo o punto de partida oficial da candidatura de Ainhoa Fervenza como aspirante do Partido Socialista á alcaldía de Sanxenxo.

Acompañada do secretario xeral provincial, David Regades, e de varios deputados nas Cortes e no Parlamento galego, Fervenza defendeu que "chegou a hora de comezar a gobernar para a xente e pasar páxina dunha longa etapa de goberno para o ladrillo especulativo", afirmando que o Concello de Sanxenxo acumula 20 millóns de euros en sentenzas xudiciais condenatorias "polas leas, as fanfarronerías e as bravuconadas urbanísticas de Telmo Martín".

A candidata definiuse como "unha muller, socialista e veciña de Sanxenxo, sen aires de grandeza e sen intereses urbanísticos e quere ser alcaldesa de Sanxenxo; nada máis, e nada menos", comprometéndose a deseñar un municipio para as persoas que viven nel durante os 12 meses do ano.

A responsable socialista expón "complementar o turismo de sol e praia cun modelo que aposte pola sustentabilidade e a desestacionalización turística", con ideas como fomentar a construción dunha residencia pública para maiores e unha acción municipal dirixida a promover vivenda social para que a mocidade poida independizarse.

Pola súa banda David Regades afirmou na súa intervención "nestas Municipais xogámonos moito, porque só con gobernos progresistas, transparentes e que reparten os recursos de maneira apartidista garántese un progreso real en todo o territorio, que é o mellor antídoto contra o clientelismo".