A folla de ruta para a nova etapa da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE) estará centrada en crecer, gañar participación e reforzar o seu papel como rede de apoio ao emprendemento da comarca.
Carlos Fontán, o seu presidente, avanzou que a directiva se fixou cinco obxectivos até 2030. Queren aumentar o número de socios, impulsar a súa implicación na actividade asociativa, converter a entidade nunha plataforma real de crecemento empresarial, consolidala como referente na súa contorna e reforzar a súa implantación territorial, especialmente no rural.
Fontán subliñou que a asociación quere ser "unha rede de contactos e un espazo de oportunidades" que acompañe a novos empresarios e emprendedores no desenvolvemento dos seus proxectos. Entre as novidades, destacou a posta en marcha de tutorías personalizadas para os socios; o impulso de novos espazos de networking, como o programa INTRES (Investimento, Innovación e Internacionalización), e unha maior visibilidade das empresas e as persoas que hai detrás delas, a través da nova web, redes sociais e unha newsletter mensual.
O presidente de AJE tamén incidiu no fortalecemento do servizo permanente ao emprendedor e na aposta por estender a actividade máis aló da capital, como demostra a celebración dos premios da entidade este outono en Cerdedo Cotobade. "Queremos estar máis cerca, escoitar necesidades e ofrecer respostas útiles e adaptadas a unha contorna que cambia moi rápido", sinalou, aludindo ao impacto da dixitalización e o auxe da intelixencia artificial.
Un dos proxectos que xa teñen en marcha é a Aceleradora Ría de Pontevedra, presentada hai un mes e que, en palabras de Fontán, "foi todo un éxito". Nela hai 10 proxectos que van empezar e "dous que se fixeron o ano pasado que van entrar na fase Skylab", explicou.
O proxecto leva seis edicións, co 50% dos proxectos activos a día de hoxe. Dos iniciados na última edición, o 100% segue o seu camiño.
No acto interviñeron tamén o presidente da Confederación Empresarial de Pontevedra, Jorge Cebreiros, e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, que coincidiron en destacar o papel crave do asociacionismo e da substitución xeneracional no tecido produtivo.
Cebreiros destacou a continuidade do proxecto empresarial colectivo que representa AJE e na importancia de que novas xeracións asuman responsabilidades. "A remuda non é substituír unhas persoas por outras, senón garantir que o proxecto segue vivo", afirmou, á vez que subliñou que "sen empresas non hai estado de benestar posible".
Pola súa banda, Vieites trasladou o respaldo da CEG á nova directiva e defendeu a colaboración como base do desenvolvemento económico. "Xuntos chegamos máis lonxe", resumiu, destacando que as organizacións empresariais permiten transformar necesidades individuais en propostas colectivas e dar maior forza á voz do tecido produtivo. Neste sentido, recalcou que os novos empresarios "non son só o futuro, senón unha parte esencial do presente", chamados a liderar a innovación, a dixitalización, a sustentabilidade e a apertura a novos mercados.
Por último, o presidente insistiu na necesidade de reforzar a cooperación entre xeracións, administracións e entidades empresariais para construír unha contorna máis favorable ao emprendemento.
A xunta de AJE estará formada por Carlos Fontán como presidente; Alicia Devesa como secretaria, José Ramón Vila, vicepresidente primeiro; Ceferino Nogueira, tesoureiro; e Iago González e Valeria Giráldez como vogais.