Alegría e maxia real desde PontevedraViva para os máis pequenos

Pontevedra
05 de xaneiro 2026
Actualizado: 20:01

Melchor, Gaspar e Baltasar sorprenden o equipo de PontevedraViva horas antes da Cabalgata, recollendo as últimas cartas e desexos dos máis pequenos que este luns visitaban a redacción

Visita dos Reis Magos a PontevedraViva 2026
Visita dos Reis Magos a PontevedraViva 2026 / Cristina Saiz

Este luns, os Reis Meigos e a súa comitiva fixeron unha parada especial nas oficinas de PontevedraViva na rúa Michelena, xusto ás 14:00 horas.

Melchor, Gaspar e Baltasar presentáronse co seu mellor sorriso e toneladas de ilusión, dispostos a atender as peticións dos nenos presentes e reavivar a fantasía entre teclados e pantallas do traballo xornalístico.

A visita máxica serviu para escoitar aos pequenos cheos de nervios e desexos de última hora antes da noite grande.

O encontro volveuse aínda máis animado cos pequenos charlando e pedindo agasallos para toda a familia.

Antes de retomar o seu longo percorrido de visitas nesta intensa xornada, As súas Maxestades deixaron unha mensaxe clara: esta noite, todos á cama temperán para que se cumpran os soños.

A Cabalgata de Reis de Pontevedra iniciarase ás 18:00 desde a Avenida de Lugo e percorrerá as principais rúas do centro da cidade: Loureiro Crespo, Benito Corbal, Praza da Peregrina, Michelena, Praza de España e finalizará na Alameda.

Entre as atraccións máis destacadas, ademais das carrozas temáticas inspiradas en Merlín, Star Wars e Tarzán, participarán compañías de animación como Barafunda, Hípica Celta e Rivel Animación, que encherán as rúas de fantasía con zancudos, "Flamingos", "Medusas" e as simpáticas "Ovellas do Belén".

A música correrá a cargo da Banda de Salcedo, a Charanga Xuntanza, Gaiteiros Celme e o grupo folclórico "Pola Vila".

 

Arquivado en