Pontevedra ultima os detalles para recibir este luns 5 de xaneiro a visita dos Reis Magos.
Será unha xornada tremendamente especial e con cambios con respecto a anos anteriores.
O principal é a localización para a recepción oficial que ofrecerá o Concello de Pontevedra ás 11.00 horas a Melchor, Gaspar e Baltasar, e que se celebrará nesta ocasión no Salón de Plenos da renovada Casa Consistorial, na Praza de España.
Será o punto de partida dunha ilusionante xornada, coa posibilidade de que os nenos e nenas da cidade trasladen as súas peticións de última hora ás súas Maxestades de Oriente.
Xa pola tarde, ás 18.00 horas, será o momento da gran Cabalgata de Reis.
Confirma o Concello que se repartirán 2.000 quilos de caramelos durante o percorrido, que partirá desde a Avenida de Lugo para pasar por Loureiro Crespo, Benito Corbal, Praza da Peregrina, Michelena, Praza de España e final na Alameda.
A Policía Local abrirá paso á comitiva xunto a un cambión dos Bombeiros e seguidos pola Banda de Música de Salcedo.
Participarán no desfile múltiples compañías e espectáculos, con atraccións destacadas como os 'Flamingos' e 'Medusas' de Barafunda, os zancudos de Hípica Celta ou as 'Ovellas do Belén' de Rivel Animación. O ritmo porano a Charanga Xuntanza, os Gaiteiros Celme, o grupo folclórico 'Pola Vila', Duos Pontes e a percusión de Troula co 'Circo Krasnodar' e o espectáculo 'O Dentista da Rúa Brasov'.
As carrozas terán temáticas como Merlín, Star Wars e Tarzán.
Será o previo ao tres grandes carrozas reais de Melchor, Gaspar e Baltasar, que pecharán a cabalgata xunto aos elefantes de La Fiesta Escénica e as 'Nécoras da Ría' de Rivel Animación.