O Pazo Provincial viviu este venres unha tarde máxica coa visita dos Reis Magos de Oriente.
Por segundo ano consecutivo, Melchor, Gaspar e Baltasar fixeron oco na súa fecheira axenda para saudar aos nenos e nenas da Boa Vila antes de continuar o seu percorrido.
As Súas Maxestades foron recibidos polo vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, e o deputado de Cultura, Jorge Cubela, nun acto que comezou na escalinata exterior do Pazo, onde Domínguez deulles a benvida e agradeceulles a visita.
Unha vez no Salón de Plenos, onde os tres monarcas atenderon os nenos e nenas, recolleron as súas cartas e repartíronlles caramelos. Os pequenos tamén puideron gozar dunha merenda con roscón e chocolate.

A Deputación de Pontevedra puxo en marcha o seu programa do Nadal baixo a lema 'Un Nadal que saia do noso interior', cunha decoración realizada con especies vexetais autóctonas, como símbolo de apoio aos montes do interior, especialmente aos afectados polos incendios do pasado verán.
Ademais, tanto o edificio como os xardíns do Pazo Provincial están iluminados con 250.000 luces LED.
No interior, o público tamén pode gozar dunha mostra de adornos artesanais de Nadal da colección ViCo.
A exposición está composta por seis vitrinas que mostran parte das 1.200 pezas que integran a colección, con elementos procedentes de diferentes países de Europa e que xa foron expostos en museos de España e Portugal.