A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, a través do 112, activou unha alerta de nivel amarelo por temperaturas máximas elevadas para este xoves 3 de xullo en boa parte da provincia de Pontevedra.
Segundo informa a AEMET, agárdanse temperaturas de ata 35 graos centígrados nas zonas do Miño e Rías Baixas, con especial incidencia na contorna da Ría de Vigo e áreas interiores.
O aviso por fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde o mediodía ata as últimas horas da tarde deste xoves.
As autoridades recomendan extremar a precaución, manter o corpo hidratado e evitar a exposición prolongada ao sol nas horas centrais do día, especialmente entre as 12 e as 18 horas.
De cara ás próximas xornadas, Meteogalicia anuncia un cambio progresivo na situación meteorolóxica. En todo caso, para mañá venres 4, Galicia continuará baixo a influencia das altas presións que entran en forma de cuña polo noroeste, mentres as baixas térmicas permanecen sobre a Península, xerando unha circulación intensa do nordés.
Esta configuración traerá ceos con intervalos de nubes e claros, con posibilidade de chuvascos na zona oriental. As temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso, situándose en Pontevedra entre os 21 e os 35 graos. Os ventos soprarán do nordés, frouxos con intervalos moderados no interior, pero moderados na costa.
Para o sábado 5, a comunidade seguirá baixo influencia anticiclónica pero con presenza de aire frío en altura. O ceo estará xeralmente despexad. A partir do mediodía medrarán nubes de evolución con chuvascos treboentos no sueste do territorio.
As temperaturas sufrirán un lixeiro descenso, oscilando nas Rías Baixas entre os 18 e os 33 graos. O vento soprará moderado de compoñente norte, intensificándose entre Costa da Morte e Rías Baixas en mar aberto.
O domingo 6, a chegada dunha fronte pouco activa polo noroeste provocará unha notable diferenza térmica entre o norte e o sur de Galicia. O ceo estará parcialmente nubrado no norte, con posibilidade dalgunha chuvia feble, mentres que no resto do territorio predominará a alternancia de nubes e claros ou ceos despexados.
As temperaturas continuarán co seu descenso, alcanzando nas Rías Baixas unha mínima de 15 graos e unha máxima de 28, un notable alivio respecto ás xornadas precedentes.