Alerta por un desprazamento do cruceiro de San Amaro: "Puido ser unha furgoneta porque o pedestal pesa"

Pontevedra
02 de maio 2024

É a terceira vez que sucede un feito similar dende que esta peza fose reposta na praza de San Amaro. "O que nos tememos é que calquera día apareza no chan", lamentan dende a asociación de veciños Moldes-Mourente

Eulogio Sartier posa na praza de San Amaro para reclamar protección para o cruceiro
Eulogio Sartier posa na praza de San Amaro para reclamar protección para o cruceiro / Mónica Patxot

Hai cinco días que un compañeiro da asociación de veciños Moldes-Mourente avisou o seu presidente Eulogio Sartier de que o cruceiro de San Amaro: "desprazárono máis". É a terceira vez que ocorre dende que esta peza fose reposta na praza da capela do mesmo nome hai menos dun ano.

Eulogio Sartier fai unha cronoloxía do últimos tres sucesos. O primeiro, o 1 de novembro de 2023, día de grande afluencia de visitantes ao próximo cemiterio de San Amaro, "o cruceiro desprazouse, algo menos que agora". Refírese a que presumiblemente un condutor fixo unha manobra co seu vehículo sen caer na conta de que estaba a empuxar o pedestal do cruceiro. "Mandamos vir á Policía Local, hai un informe que enviamos a Patrimonio da Xunta e do Concello de Pontevedra, e á Igrexa", completa Sartier.

O segundo incidente produciuse 48 horas máis tarde. "Dous días despois de Defuntos volvéronno desprazar un pouco máis, apareceu un plástico da defensa dun coche no pedestal", sinala.

O terceiro episodio calculan dende a asociación de veciños que se produciu a pasada fin de semana, última do mes de abril. "Puido ser unha furgoneta ou un todoterreo, porque o pedestal pesa, antes estaba tomado por cemento ao redor, agora xa non", sospeita Sartier. Tamén intúe que "se chove, un coche co cristal embazado" facilmente pode provocar que o condutor non calcule ben as distancias e acabe estampándose contra o cruceiro.

"O que nos tememos é que calquera día apareza abaixo, no chan, que lle peguen un golpe e rompa o varal", lamenta o representante veciñal.

Por iso, a asociación de veciños propón que se devolva o cruceiro ao seu emprazamento anterior, a poucos metros da localización actual e onde aínda se conserva a silueta no chan das pedras nas que se asentaba. Para preservalo, suxire delimitar "unha contorna de seguridade diante do adro, unha especie de cadea para que non metan os coches na porta da capela e se protexa o cruceiro".

Con esta medida, tan só se perderían dúas prazas de aparcamento na praza, zona que para a asociación de veciños é imprescindible que siga aberta ao estacionamento de vehículos "porque é un servizo, o tanatorio ten aparcamento pero é necesario manter este outro para a xente que vén ao cemiterio para traer flores, por exemplo".

O seguinte paso para conseguir protección para o cruceiro de San Amaro é "tentar desprazarnos a Santiago e que nos digan que pasa coa reunión entre Igrexa e Xunta, que nos din se reúnen cada 6 meses" e na que, dende Patrimonio da Xunta, comunicóuselles que se ía a debater este asunto, co informe da Policía Autonómica relativo aos danos de novembro sobre a mesa. "Isto xa non se pode consentir", clama Sartier.

Foi hai 14 anos cando os veciños de Moldes-Mourente empezaron a mobilizarse, por mor de que o cruceiro amencese esnaquizado. "Ao pouco tempo de que a Concellería de Cultura lle pedise a Don Severino que retirase a protección que tiña de ferro porque esteticamente non estaba ben, un coche tirou e rompeu a cruz da parte de arriba do cruceiro e outro coche catro días despois tirou o varal", relata Sartier.

Durante máis dunha década demandando a súa reposición, finalmente recuperouse o cruceiro e cambiouse o seu emprazamento, que provocou opinións atopadas. Más polémico foi o peche da praza hai catro anos. "A Igrexa veu colocar unhas pedras e un cadeado; o cadeado tirárono de noite e ao día seguinte apareceu a cadea rota", de modo que se decidiu reabrir o espazo para o tránsito e o aparcamento de vehículos.

O cruceiro de San Amaro tivo tres emprazamentos diferentes

Lembra Eulogio Sartier que, ao longo da historia,o cruceiro de San Amaro tivo tres emprazamentos diferentes: diante da porta da capela, nun lateral da mesma e a actual, no centro da praza.

Para a asociación de veciños, colocalo no lateral da capela e con perímetro de protección evitaría novos impactos de vehículos sobre este elemento patrimonial, que forma parte da identidade da parroquia. "No seu día, Don Severino dixo que si, pero morreu e Don Pablo dinos que teñen que decidilo en Santiago, e Santiago que non, e así estamos".

Administración local e autonómica, Igrexa e veciños son catro axentes implicados que de momento non chegaron a un acordo. Mentres, a asociación de veciños Moldes-Mourente urxe unha solución antes de que o cruceiro sufra novos danos. Mostra de que estes veciños non van desistir no seu empeño demóstrano as dúas pequenas vitorias que logrou este colectivo para esta contorna: "que poden as árbores conseguímolo nós, e tamén que se limpe o adro cada quince días, non foi o cura, fomos nós", afirma Sartier con determinación.