Alertan de que Anafáns xa non ofrece atención médica de urxencias os sábados polas mañás

Poio
06 de xuño 2026
Actualizado: 07 de xuño

Así o acredita un cartel no centro. "A partir de xuño a atención fóra do horario ordinario realizarase no PAC de A Parda. Pregamos desculpen as molestias", é a mensaxe dirixida aos pacientes

Centro de Salud de Anafáns
Centro de Salud de Anafáns / PSOE de Poio

O deste sábado é, segundo denuncian os usuarios, o primero no que o centro de saúde de Anafáns, en Poio, xa non ofrece atención médica de urxencias.

Así o acredita o cartel colgado nas paredes do centro. "A partir de xuño a atención fóra do horario ordinario realizarase no PAC de A Parda. Pregamos desculpen as molestias", é a mensaxe dirixida aos pacientes.

Para o BNG esta situación é "inasumible" para Poio, xa que aseguran que a situación actual "xa era precaria" pero coa chegada do verán "aínda vai ser peor".

A voceira nacionalista, Marga Caldas, lamenta os problemas que isto supón para a veciñanza, xa que obriga a un desprazamento "innecesario" e que en moitos casos non é posible por falta de medios para algunha xente.

Ademais, engade que a calidade da atención vai ser máis precaria e lenta, xa que no PAC de A Parda se concentran as urxencias de Atención Primaria da cidade de Pontevedra, un volumen que pacientes que incrementa os tempos de agarda.

"Dado que a distancia dende Poio practicamente é a mesma, moita xente acabará indo directamente a Montecelo, e despois dende o Sergas dirán que se saturan as urxencias hospitalarias", afirma a edil do BNG.

Caldas censura que desde o Concello "non moven un dedo" para defender os veciños de Poio e insta a deter o que considera a "demolición" da sanidade pública no municipio.

A estas críticas sumáronse tamén desde o colectivo veciñal Movemento x Poio, que considera que esta medida é "irresponsable" e pon en risco a saúde de colectivos vulnerables, saturando aínda máis os servizos sanitarios en Pontevedra.

O seu representante, Borja Burgos, cualifica esta decisión do Sergas de "ataque directo e intolerable" á sanidade pública. Reclamou, nun escrito dirixido ao alcalde, una "reacción inmediata" do executivo municipal ante este novo recorte nas prestacións.

Dende a organización aseguran que non van permitir que Poio se converta nunha "periferia esquecida" e avanzan que, ante esta situación, "non imos quedar de brazos cruzados mentres nos quitan o básico".