Agosto comezou este martes cunha "situación crítica" na sanidade Cerdedo-Cotobade. Así o denuncia o PSOE da localidade, que fala de "caos sanitario" porque este mes non hai nin medicina de familia nin pediatra.
Así, os socialistas indican que as persoas usuarias do centro de saúde de Carballedo que acudiron as súas citas atopáronse con que este martes non estaba ningún dos dous facultativos que pasan consulta. Ningún foi avisado con anterioridade da situación e tampouco puideron dicirlles ata cando se prolongaría esta situación.
No centro de saúde de Tenorio, o médico titular está de vacacións todo o mes de agosto e dende o centro indican que se dará servizo día si e día non en horario de mañá ou tarde, segundo dispoñibilidade. Tampouco hai servizo de pediatría, pois coa marcha da anterior titular este servizo cubriuse de forma provisional, pero neste momento non hai servizo nin previsión de que se cubra esta praza.
Dende o grupo municipal socialista lembran que levan anos denunciando o "desmantelamento progresivo da sanidade pública no concello", eliminando os servizos de matrona e pediatría nos centros médicos de Cerdedo e de Carballedo e non cubrindo as ausencias dos facultativos en períodos vacacionais ou por outras causas.
No próximo pleno ordinario, a líder socialistas, Ana Couto, defenderá unha iniciativa do grupo socialista para que o PAC de Cerdedo conte cunha ambulancia para poder atender as urxencias e que se cumpran cos ratios marcados para a atención médica
Dende o PSOE de Cerdedo-Cotobade instan ao alcalde, Jorge Cubela, a que se manifeste sobre esta "lamentabl"e situación e se reúna de forma urxente coa Xerencia da área sanitaria para que se cubran os servizos afectados.