Alfombra vermella ás mulleres da ciencia nos colexios de Vilaboa

Vilaboa
06 de marzo 2026
Actualizado: 12:04

O proxecto Paseo das Estrelas Científicas busca inspirar novas vocacións no alumnado con referentes internacionais e investigadoras da contorna

Begoña Vila Costas, científica da NASA
Begoña Vila Costas, científica da NASA / Fundación Gadea Ciencia

Baixo o nome de Paseo das Estrelas Científicas, a proposta educativa que se vdesenvolve en Vilaboa quere converter os centros de ensino nun espazo de talento feminino, buscando eliminar os estereotipos de xénero que historicamente dificultaron o acceso das mulleres ás carreiras tecnolóxicas e investigadoras.

A actividade, deseñada pola concellaría de Igualdade, consiste na instalación de estrelas conmemorativas no chan do CPI O Toural e do CEP Riomaior.

A través deste percorrido simbólico, o alumnado poderá coñecer de preto a traxectoria de figuras de prestixio mundial, como a astrofísica da NASA Begoña Vila, a experta en intelixencia artificial Amparo Alonso ou a prestixiosa oncóloga Marisol Soengas, entre outras referentes en matemáticas, oceanografía e microbioloxía.

Un dos alicerces desta programación é a participación de investigadoras vinculadas directamente a Vilaboa.

Profesionais como Zeltia López, Romina Fernández, Silvana Poceiro, María Pilar Paredes, Alexandra Rodríguez e Bea Lago compartirán a súa experiencia persoal e laboral coas nenas e nenos.

Este contacto directo permitirá que os estudantes descubran que o traballo científico é unha opción de futuro real e próxima, contando co exemplo de mulleres que hoxe lideran proxectos en áreas como a ecoloxía, a física electrónica ou a biomedicina.

O calendario de encontros comezará o 11 de marzo no CEP Riomaior con sesións para Primaria, e continuará o día 12 no CPI O Toural, abranguendo tamén ao alumnado de ESO.

Como lembranza, cada participante recibirá unha chapa conmemorativa da xornada.

Esta iniciativa escolar enmárcase nun programa máis amplo polo 8M, que terá o seu punto central este domingo 8 ás 19:00 horas na Casa de Cultura de Riomaior coa entrega do Premio 8M ás mulleres do Entroido de Cobres, recoñecendo o seu papel fundamental na transmisión da cultura e as tradicións locais.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en