Alfonso Hermida dará o pregón da XXVII Festa do Lacón con Grelos de Cuntis

Umia
09 de febreiro 2026
Actualizado: 14:46

O recoñecido xornalista galego será o encargado de dar comezo a unha nova edición desta festa o próximo 22 de febreiro

Alfonso Hermida
Alfonso Hermida / PontevedraViva

O Concello de Cuntis anunciou este luns 9 de febreiro que o xornalista Alfonso Hermida Mejuto será o pregoeiro da Festa do Lacón con Grelos 2026.

O alcalde, Manuel Campos, destacou a súa admiración polo comunicador e subliñou a súa "impecable traxectoria" e "rigor" nunha "elección que non é casualidade".

"A elección de Alfonso Hermida non é froito do azar nin unha decisión improvisada. Toda a súa traxectoria profesional, o seu rigor e a súa relevancia non xornalismo galego avalan e 'respaldan' esta decisión. Para Cuntis é unha auténtica honra contar cun comunicador tan querido pola audiencia para enxalzar o noso produto estrela", sinalou o alcalde.

A organización destacou a traxectoria de Hermida como referente da comunicación en Galicia, caracterizado pola súa versatilidade e credibilidade. En 2004 recibiu un Premio Mestre Mateo ao mellor comunicador polo seu traballo no programa En Xogo.

Con esta decisión, o Concello busca reforzar a reputación da Festa do Lacón con Grelos, declarada de Interese Turístico, e convida os veciños a participar no evento.

O pregón celebrarase ás 12:00 horas do domingo 22 de febreiro e dará paso a unha tarde de actividades marcadas pola gastronomía, a cultura e o Velorio do Chapante, un ritual tradicional.

O programa inclúe pasarúas da Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional, unha feira de artesanía e mostras singulares, como "A camelia no lacón con grelos".

Durante a comida, a charanga Os Támega amenizará a xornada, que tamén contará con xogos infantís.

A festa finalizará co Velorio e Enterro do Chapante, acto simbólico que despide ao Entroido e dá inicio á Coresma.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora