O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, visitou este xoves o Pazo de Lourizán co equipo de arquitectos gañador do concurso de ideas para a súa rehabilitación, a UTE formada por Estudio Carme Pinós SLP y Carles Enrich Studio SLP.
Rueda sinalou que foi unha visita "moi oportuna" que serviu para coñecer "sobre o terreo" da man da arquitecta Carme Pinós os detalles da intervención prevista e o estado do edificio e de todas as estruturas "por si hai necesidade de facer antes algunha obra previa ou complementaria".
A Xunta ten contemplado destinar 17,3 millóns de euros para o proxecto de reforma integral do Pazo e a súa contorna, "ogallá que fóra esa a cantidade", comentou o presidente.
En canto aos prazos, o presidente da Xunta lembrou que a "previsión inicial" é comezar os traballos este ano concluíndoos a finais de 2026 ou inicios de 2027. "A min gustaríame antes de que finalizase o ano, e senón durante o primeiro semestre do ano que vén", dixo Alfonso Rueda, engadindo que "tras case cen anos de esperar por unha segunda vida, agora creo que non sería moi interesante apurar por 3 ou 4 meses máis".
O goberno autonómico xa está a traballar na redacción do proxecto da restauración. "A partir do ano que vén empezaremos a ver realidades", mentres tanto o presidente da Xunta sinalou que "me gustaría aproveitar este ano para tamén ir difundindo todo isto e escoitar. Estamos a tempo de escoitar ideas".
O obxectivo do proxecto gañador non é só recuperar o valor histórico do pazo, senón tamén "transformalo nun modelo de modernidade e ecoloxía acorde cos desafíos contemporáneos". Este proxecto aposta por unha reestruturación integral dos usos, separando a actividade do persoal interno da finca da actividade dos visitantes.
A proposta premiada, que se impuxo aos outros sete proxectos finalistas, abarca un ámbito de actuación de 24.478 metros cadrados, e unha superficie construída de 3.303 metros cadrados.
A pesar do seu innegable valor histórico, o pazo sofre un avanzado estado de deterioración. Por iso, exponse a reprogramación dos usos previstos nos edificios da finca, establecendo distintos fluxos de circulación, con novos xardíns e a permeabilización do solo, ao romper o pavimento para potenciar a infiltración da auga.
O pazo acollerá un centro de recepción de visitantes, un hotel con vinte habitacións e un restaurante. "Non queremos facer aquí un gran complexo hostaleiro, buscamos moito máis a calidade", matizou o presidente. "Non estamos a pensar nun macro hotel nin algo masificado todo o contrario", engadiu.
A antiga escola de capataces albergará os usos de talleres e oficinas en planta baixa, e a residencia de investigadores na planta primeira. O edificio do lagar, debido ás súas excelentes condicións de conservación, mantense de forma íntegra aproveitando o seu uso actual de oficinas para introducir as novas empresas do sector forestal na finca.
O novo pavillón, situado na prolongación do 'Camiño do Cura', será un edificio polivalente con capacidade para unhas 300 persoas, está deseñado para complementar as funcións do pazo. Unha pérgola sobre o camiño histórico, a modo de emparrado, estenderá o xardín cara ao novo pavillón.
O invernadoiro recupérase como espazo expositivo, cunha intervención mínima que respecta o seu valor patrimonial.
O conxunto da zona do hórreo e o sequero renóvase como un espazo público accesible. O antigo sequero convértese nunha cantina e se reconfiguran os talleres traseiros para servizos de apoio.
"Imos seguir tentando optimizar o máximo posible os usos administrativos deste recinto", destacou Rueda.
Segundo subliñou o presidente da Xunta, "hai moitos anos que Lourizán é unha referencia en materia de investigación forestal, de capacitación forestal, toda esta referencia non hai que perdela, ao contrario, hai que fomentala".
Por iso, vaise a manter o Xardín Botánico de Galicia, crearase o Centro de conservación do germoplasma forestal e poranse en marcha aceleradoras de empresas neste ámbito que contarán cunha oficina de asesoramento e apoio aos proxectos.
Por último, o presidente do goberno galego concluíu que "queremos que isto sexa gozado e asimilado como algo propio pola xente de Pontevedra, isto é un pouco de todos nós".