Alfonso Rueda lidera autoridades e fieis na procesión da Peregrina

Pontevedra
11 de agosto 2025

O presidente da Xunta de Galicia estivo acompañado pola conselleira pontevedresa María Martínez Allegue e polo presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López

Procesión na honra da Virxe Peregrina

Un dos momentos máis solemnes no ámbito relixioso das Festas da Peregrina desenvolveuse este domingo coa tradicional procesión en honra á Virxe Peregrina, patroa da provincia.

O acto, que partiu ás 21:00 horas do Santuario da Virxe, contou cunha destacada representación institucional, encabezada polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.

Rueda estivo acompañado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, así como polo presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, e os vicepresidentes provinciais Rafa Domínguez e Luisa Sánchez, xunto a outros membros do goberno provincial.

A comitiva percorreu as rúas do centro da cidade, nun acto que congregou numerosos fieis e visitantes que se achegaron para presenciar o paso da imaxe.

Ao finalizar a procesión, de volta na Praza da Peregrina, desenvolveuse a tradicional danza gremial de cintas, unha arraigada tradición que se remonta ao século XVIII. Integrantes da agrupación folclórica local Duos Pontes, vestidos con indumentaria branca, realizaron este baile que atraeu a atención de participantes e espectadores.

Esta danza, recuperada en 1992 con motivo do 50 aniversario de Dúos Pontes, converteuse noutra cita xa indispensable das festas.

Aínda que antigamente se realizaba no atrio da capela, agora ten lugar na praza, ao recollerse a procesión, e conta coa participación de cinco parellas de bailaríns, un encargado de soster o pau de onde se distribúen as cintas, un gaiteiro e un tamborilero.