Allegue presenta en Moraña o proxecto da senda peonil e ciclista cun investimento de 380.000 euros

Umia
24 de xaneiro 2026

A previsión da Consellería é licitar as obras no segundo trimestre deste ano. Se estima que a senda poida estar rematada ao longo de 2027

Presentación da senda entre Alende e A Espedregueira
Presentación da senda entre Alende e A Espedregueira / Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia proxecta a construción dunha nova senda peonil e ciclista na estrada autonómica PO-221, no concello de Moraña, cun investimento próximo aos 380.000 euros.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, presentou este sábado a actuación acompañada pola directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza.

A nova senda conectará os núcleos de Alende e A Espedregueira a través dun itinerario de algo máis de medio quilómetro pola marxe dereita da estrada.

Trátase dunha senda mixta, pensada para o uso tanto de peóns como de ciclistas, que contará cunha anchura de 2,02 metros e permitirá unha circulación máis cómoda e segura. Entre a senda e a calzada aproveitarase o espazo dispoñible para a instalación da rede de sumidoiros ao longo do trazado.

Durante a presentación, Allegue subliñou que o proxecto se insire na estratexia do goberno galego de mellora da seguridade viaria e de "humanización" das estradas autonómicas, co obxectivo de facilitar os desprazamentos a pé e en bicicleta e promover hábitos de vida máis saudables.

O proxecto atópase actualmente en fase de información pública ata o vindeiro 4 de marzo, período no que se poderán presentar suxestións. Segundo explicou a conselleira, a actuación responde a unha demanda do Concello de Moraña para mellorar o tránsito peonil nun treito da PO-221 que soporta unha intensidade media diaria de arredor de 2.900 vehículos.

Ademais, esta estrada cobra especial relevancia durante o verán ao ser unha das vías de acceso á Romaría dos Milagres de Amil, unha das celebracións máis multitudinarias e emblemáticas do municipio.

Unha vez superado o trámite de información pública, e tras a aprobación do proxecto de trazado polo Consello da Xunta o pasado día 12, a previsión da Consellería é licitar as obras no segundo trimestre deste ano. Os traballos terán un prazo de execución de nove meses, polo que se estima que a senda poida estar rematada ao longo de 2027.

Allegue destacou tamén a colaboración entre a Xunta e o Concello de Moraña noutras actuacións en materia de infraestruturas e vivenda. Neste marco, lembrou a recente finalización das obras de reforzo do firme na PO-226 ao seu paso polo municipio, cun investimento de preto de 900.000 euros, dentro das actuacións de conservación e mellora da seguridade da rede viaria autonómica.