Mexillóns, caldo e calamares sorprenderon este xoves aos peregrinos que se achegaron ao Mercado de Pontevedra.
E a boa nova é que a experiencia continúa xa que ata 30 camiñantes do Camiño Portugués poderán volver gozar de produtos locais de balde este venres ás 19.30 horas, no primeiro andar da praza de abastos.
O Concello de Pontevedra, a través da área de Promoción Económica, convida de novo aos peregrinos aloxados nos albergues da Boa Vila a descubrir as creacións dos cociñeiros locais.
Trátase de 29 degustacións gratuítas, guiadas por un profesional do turismo que axudará a presentar cada prato e o seu significado dentro da nosa tradición culinaria.
Estas citas forman parte do programa Pontevedra Capital Gastro, unha iniciativa que busca converter o Mercado nun auténtico punto de encontro entre gastronomía, cultura e vida local.
A chamada Mesa do Camiño está a permitir que visitantes de todo o mundo coñezan de primeira man a gastronomía galega.
As degustacións celébranse os xoves e os venres ás 19.30 horas, e para participar só é necesario amosar o credencial do Camiño e xustificar a estadía nun albergue da cidade.
Este venres 31 de outubro, os peregrinos poderán saborear o menú preparado pola cociñeira de A Fervella, con propostas tan apetitosas como vieiras á galega, caldo, guiso mariñeiro e torta de améndoa, todo acompañado dun bo viño.
Onte foi a quenda de Olmos Gastro Bar, que deleitou aos comensais con mexillóns ao vapor, caldo galego, calamares guisados e torta de queixo de sobremesa.
As próximas datas serán o xoves 6 e venres 7 de novembro, seguidas do xoves 13, xoves 20 e venres 21. En marzo e abril volverán novas edicións ata o 30 de abril, cando rematará esta tempada.
As persoas interesadas poden anotarse no formulario dispoñible en apuntate.pontevedra.gal/a-mesa-do-camino ou a través do código QR presente nos carteis repartidos polos principais puntos turísticos e hostaleiros da cidade. Lembra que hai un máximo de 30 prazas por sesión.
Este proxecto forma parte do convenio entre o Concello de Pontevedra e a Axencia de Turismo de Galicia dentro do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD), cun investimento de 2 millóns de euros.