Alumnado da Escola Naval Militar de Marín que cursa o Grao de Enxeñaría Mecánica viaxou a Cerceda (A Coruña) para coñecer a operativa do Complexo Medioambiental de Sogama.
Neste recinto centralízase a xestión dos residuos municipais producidos por 304 concellos, que aglutinan unha poboación superior a 2,3 millóns de habitantes.
Técnicos da Sociedade foron os encargados de explicar os procesos loxísticos e de tratamento, así como as tecnoloxías utilizadas para poñer en valor os residuos, ben mediante a súa clasificación por tipoloxías para remitir aos centros recicladores ou ben, no caso da parte non reciclable, mediante a súa transformación en enerxía eléctrica.

A través dun percorrido inmersivo 360º e outro guiado a pé, o grupo tivo a oportunidade de facer un seguimento do camiño que seguen os residuos desde que entran na infraestrutura cercedense ata que son seleccionados por tipoloxías nunha planta de recuperación equipada con tecnoloxía 4.0 e desde a que se envían á industria transformadora as fraccións potencialmente reciclables.

Co resto, Sogama acondiciona un combustible CDR para ser valorizado enerxeticamente nunha planta termoeléctrica con caldeira de leito fluído circulante e potentes sistemas de depuración de gases que permiten á compañía compatibilizar a súa actividade industrial coa protección ambiental e a saúde pública.
O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, tivo un encontro coas profesoras e o alumnado para interesarse pola súa dobre formación, militar e de enxeñaría, e enxalzar o importante labor que tamén poden desempeñar na protección ambiental dos océanos.
