Integrantes da Asociación contra o Cancro da provincia de Pontevedra visitaron este martes o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) para coñecer a súa operativa e o labor desempeñado por esta empresa pública na protección do medio ambiente e a saúde pública.
Tendo en conta que a xestión sostible dos residuos municipais constitúe unha das principais ferramentas na loita contra o cambio climático e o quecemento global, o colectivo puido comprobar o tratamento ao que son sometidos os refugallos que se producen nos 304 concellos adheridos a Sogama desde que se recollen por parte dos servizos municipais ata que chegan ao Complexo cercedense.

No caso dos envases de plástico, latas e briks depositados nos contedores amarelos, selecciónanse por tipoloxías nunha planta de clasificación para envialos posteriormente aos centros recicladores, onde son convertidos en novas materias primas.
Respecto da bolsa negra (fracción resto recollida a través do contedor xenérico), e dado que aínda se seguen a introducir na mesma residuos potencialmente reciclables que deberían ser depositados noutros contedores de recollida selectiva, Sogama consegue seleccionar, nunha planta que opera con tecnoloxía 4.0, aqueles materiais con posibilidades de ser reciclados, valorizando enerxeticamente os non reciclables, que converte en electricidade (suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegas).
Desta forma, evítase que acaben enterrados en vertedoiro, a opción máis perniciosa para a contorna e a saúde e benestar da poboación.

Neste sentido, cómpre lembrar que Galicia contaba con máis de 300 vertedoiros municipais activos na década dos 90 e, grazas á creación de Sogama, puderon ser selados e clausurados, procedendo á rexeneración do espazo degradado para novos usos.
Percorrido inmersivo e guiado a pé
O colectivo tivo a oportunidade de ver o proceso industrial de Sogama a través dun percorrido virtual 360º que lle permitiu acceder a lugares inaccesibles nun itinerario a pé por razóns de seguridade. Non obstante, tamén efectuou este último acompañado por guías, que foron explicando a operativa de cada unha das instalacións que integran o Complexo e como se coordinan entre si para poñer en valor o residuo e convertelo en recurso.

Un interesante coloquio puxo o colofón á xornada, na que tamén participou o presidente de Sogama, Javier Domínguez, que tivo un encontro co grupo para saudar aos seus integrantes, felicitalos polo seu encomiable traballo e entregar á vicepresidenta da Asociación, Esperanza Fernández Lamas, un agasallo institucional da entidade.
