O alumnado de Poio dá vida ao Nadal creando as decoracións das sete aldeas festivas

Poio
26 de novembro 2025
Actualizado: 27 de novembro

O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, visitaron os colexios para agradecer persoalmente esta colaboración

Alumnado da Escola do Vao
Alumnado da Escola do Vao / Concello de Poio

O Nadal comeza oficialmente en Poio este sábado, día 29, coa tradicional festa de inauguración na Praza do Mosteiro, que incluirá música, animación e a conta atrás para o acendido das luces ás 19.00 horas.

Este ano, o acendido estará a cargo das persoas usuarias da Asociación Down Pontevedra – Xuntos, nun xesto co que o Concello quere recoñecer o labor da entidade en favor da inclusión e do apoio ás persoas con discapacidade e ás súas familias.

O espírito festivo xa leva semanas collendo forza grazas á implicación dos centros educativos do municipio.

O alumnado é de novo protagonista na ambientación das sete Aldeas de Nadal, elaborando decoracións en forma de Elfos que se suman ás casiñas e renos dos últimos anos.

O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, visitaron os colexios para agradecer persoalmente esta colaboración. 

Co acendido deste sábado quedarán inauguradas tamén as sete Aldeas de Nadal, situadas na contorna dos muíños de Samieira, no parque de Lourido, no Adro de San Salvador, na Praza da Chousa de Combarro, no porto de Raxó, na Praza da Granxa de Campelo e na contorna da Igrexa de San Martiño. Ademais, a carpa Poio Máxico abrirá o venres 19 de decembro na Seca, converténdose noutro dos espazos centrais da programación.

Ademáis, a Praza da Chousa de Combarro acollerá un ano máis o Mercadiño de Nadal organizado pola Asociación Cultural e Deportiva Leucoíña. O mercado abrirá este sábado, coincidindo coa inauguración do Nadal, e manterase ata o 4 de xaneiro. Este ano incorpora como novidade varios postos de comida, ademais das habituais casetas de artesanía, decoración e agasallos.

O horario será os venres de 16.30 a 20.30 horas, e os sábados, domingos e festivos de 11.00 a 14.30 e de 16.30 a 20.30 horas.

Arquivado en