Poio presume de programa sorprendente e inclusivo: "O protagonista do Nadal non é o número de luces"

Poio
24 de novembro 2025
Actualizado: 27 de novembro

Haberá Sete Aldeas de Nadal, a carpa Poio Máxico e "unha das programacións máis amplas e completas de toda Galicia". A maxia vén protagonizada este ano polos Elfos do Nadal de Poio

Presentación da programación de Nadal de Poio
Presentación da programación de Nadal de Poio / Concello de Poio

O Nadal de Poio terá este ano "unha das programacións máis amplas e completas de toda Galicia", tal e como anunciou o Concello este luns. 

O alcalde, Ángel Moldes, presentou a programación acompañado de membros do Goberno e representantes das asociacións, entidades e colectivos que participan na programación. 

Durante a presentación, Moldes destacou que "en Poio, o protagonista do Nadal non é o número de luces, é a participación e un contido de calidade"

Prometeu "sorprender, emocionar e encher de vida" todas as parroquias do municipio durante unha época na que este ano a maxia vén protagonizada polos Elfos do Nadal de Poio, "uns simpáticos personaxes que percorrerán as distintas parroquias".

A presenza inesperada destes elfos e as pequenas trasnadas que protagonizarán converteranse nun dos principais reclamos desta tempada, garantindo experiencias únicas nas sete Aldeas de Nadal distribuídas por todas as parroquias e lugares do municipio. 

A programación iníciase este sábado, 29 de novembro, coa tradicional festa de inauguración na Praza do Mosteiro (19.00 horas), que incluirá música, animación e a conta atrás para o acendido oficial das luces.

Este ano, ademais, o acendido terá un significado especial. Será protagonizado polo alumnado da Asociación Down Pontevedra – Xuntos, nun recoñecemento ao labor desta entidade.

Co acendido do Nadal abriranse tamén as sete Aldeas de Nadal, en Campelo, Praza da Chousa en Combarro, Lourido, San Martiño, Porto de Raxó, Muíños de Samieira e Adro de San Salvador. 

Os Elfos do Nadal de Poio serán o fío condutor para que cada Aldea sexa un lugar máxico con moita animación, música e bailes especiais da man de Javi Solla e Tere que se completarán con actividades de animación na rúa nas que están implicados diferentes colectivos para organizar sesións de teatro, batucadas, obradoiros, contos, panxoliñas, música ou incluso un anticipo das badaladas de fin de ano.

O Goberno local destaca que se trata dunha proposta "con personalidade, atractiva, inclusiva, universal e de calidade", que dinamiza a actividade en todas as parroquias.

Na Seca instalarase de novo a carpa Poio Máxico, que será tamén escenario de obradoiros, zona de xogos e das actuacións máis potentes que esconde este Nadal de Poio a partir do 19 de decembro.

As actuacións serán o espectáculo internacional Pica Pica (4 xaneiro), Os Tres Porquiños (20 decembro), a Gramola Gominola (19 decembro), sesións de maxia con Iago Saavedra, Óscar Fernández (21 decembro) ou o Mago Paco (25 decembro), A Pirata Lola (3 xaneiro) ou a Aldea Musical do Nadal con Nelson Quinteiro (26 decembro).

Ademais, inclúese a tradicional papanoelada moteira polas estradas do municipio (21 decembro), a carreira San Silvestre (31 decembro) e a visita de Papá Noel ás parroquias.

Os Reis Magos este ano repiten tamén experiencia e farán dobre parada no municipio: o día 5 para visitar todas as parroquias e o 6 para despedirse de todos os nenos de Galicia desde Poio, cunha cabalgata participativa, coa colaboración das anpas e das comparsas, que rematará cunha gran festa de animación infantil no entorno da Carpa Poio Máxico. 

Arquivado en