O alumnado de Restauración rehabilitará o Cruceiro do Montiño, destrozado en 2023

Pontevedra
10 de febreiro 2026

Tras a súa restauración, o cruceiro regresará ao lugar de Casal Novo, en Lérez, pero nun emprazamento lixeiramente diferente para garantir a súa conservación e a seguridade viaria

Traslado do Cruceiro do Montiño á Escola de Restauración
Traslado do Cruceiro do Montiño á Escola de Restauración / Concello de Pontevedra

Desde que no ano 2023 quedara gravemente fragmentado tras un accidente, os restos do Cruceiro do Montiño estaban custodiados en instalacións municipais agardando o seu arranxo.

Pero, a partir de agora, este ben patrimonial queda nas mans da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. Será o seu alumnado o que se encargue de devolverlle todo o seu esplendor.

A redacción do proxecto e a dirección técnica corren a cargo do profesor e restaurador José Manuel Rey Aguiño, especialista en bens escultóricos.

Os traballos serán executados polo alumnado da escola dentro da materia de "Prácticas de conservación activa", o que engade un valor formativo á recuperación patrimonial.

Os restos deste cruceiro de Lérez, tamén coñecido como de Casal Novo, foron trasladados esta semana ás dependencias da escola pontevedresa para dar comezo aos traballos de restauración.

Traslado do Cruceiro do Montiño á Escola de Restauración
Traslado do Cruceiro do Montiño á Escola de RestauraciónConcello de Pontevedra

O cruceiro, de estilo barroco e datado en 1737, sufriu graves danos tras ser derrubado por un vehículo, o que provocou a fractura do varal, o capitel e a cruz en múltiples fragmentos.

O plan de traballo estrutúrase en dúas fases, a primeira delas na propia escola.

Estará centrada na limpeza, na eliminación de elementos metálicos oxidados (como antigas cuñas de ferro) e na unión estrutural dos fragmentos do varal, capitel e cruz mediante variñas de fibra de vidro ou aceiro inoxidable.

A restauración da plataforma e do pedestal do cruceiro, pola súa banda, farase no propio lugar de Casal Novo, onde tamén se realizará a montaxe final do conxunto.

O informe técnico advirte que o emprazamento orixinal, nun cruzamento estreito de apenas 2,80 metros, supón un risco para o ben e para a seguridade viaria, ademais de presentar problemas co cableado aéreo que incumpre as alturas regulamentarias.

Por este motivo, o proxecto propón un lixeiro cambio de emprazamento dentro da mesma contorna de protección, que será atendido polas autoridades municipais.

Traslado do Cruceiro do Montiño á Escola de Restauración
Traslado do Cruceiro do Montiño á Escola de RestauraciónConcello de Pontevedra

Esta medida busca garantir a seguridade do cruceiro fronte ao tráfico rodado e mellorar a súa visibilidade sen que iso teña a consideración administrativa de traslado, ao manterse no seu contexto histórico.

O concelleiro da área de patrimonio histórico, Alberto Oubiña, asegurou que o goberno municipal está "encantado" de colaborar coa Escola de Restauración porque "son uns grandísimos referentes en todo o que fan e na calidade do alumnado que forman".

"Confiamos plenamente no seu criterio e, de seguro, esta será a primeira de moitas colaboracións", sinalou o responsable municipal.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora