O alumnado de último curso do Grao en Enfermaría asesórase sobre o seu futuro laboral

Pontevedra
07 de maio 2025

Expectativas laborais, oportunidades de emprego na Área Sanitaria, instrucións para formar parte das listas de contratación, foron algúns dos temas abordados

Participantes na reunión informativa dirixida aos alumnos de último curso do Grao en Enfermería Sergas

A Escola de Enfermaría de Pontevedra acolleu este martes unha reunión informativa dirixida ao alumnado de último curso do Grao, enmarcada nunha iniciativa promovida pola Dirección de Enfermaría da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés.

Neste encontro colaboraron tamén o Colexio Oficial de Enfermaría da provincia e o equipo docente da propia Escola.

Esta actividade forma parte do seguimento dunha estratexia impulsada hai dous anos, coincidindo coa incorporación do actual equipo de Dirección de Enfermaría da Área Sanitaria, cuxo obxectivo é ofrecer apoio, orientación e acompañamento aos futuros profesionais na súa transición ao ámbito laboral.

A reunión, desenvolvida nun ambiente moi cordial, permitiu tratar temas de gran interese para os estudantes: expectativas laborais, oportunidades de emprego na Área Sanitaria, instrucións para formar parte das listas de contratación, consellos prácticos sobre o circuíto de incorporación, así como a resolución de todas as dúbidas expostas polo alumnado.

Asistiron, Concepción Abellás, directora de Enfermaría; acompañada das subdireccións de Enfermaría dos distritos de Pontevedra e O Salnés, así como do supervisor de Área de Recursos Humanos e supervisores de ambos os distritos sanitarios.

En representación do Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra participaron Josué Rial, secretario, Pablo Bouza, tesoureiro, e outros membros destacados da institución. A directora da Escola de Enfermaría, Paz Diéguez, tamén formou parte do encontro.

Os alumnos valoraron de forma moi positiva esta iniciativa de continuidade, que lles permite afrontar con maior seguridade a súa inminente incorporación ao mundo laboral.

A partir do mes de xuño de 2025, poderán formar parte do equipo profesional de enfermaría da área.